FacebookTwitter

Ameixa xaponesa

Ameixa xaponesa

A característica que máis destaca da ameixa xaponesa é que ten as costelas moi marcadas. As liñas que sucan a súa cuncha forman cadradiños ao cruzárense, cadradiños que son moito máis marcados ca os da ameixa fina. Cando está aberta é cando se pode ver como ten os sifóns unidos ata a metade, o que a diferenza da ameixa fina. En canto á súa cor é, normalmente, escura, movéndose os tons entre o tostado e o gris case negro.

Esta especie foi introducida nas nosas costas o pasado século. A súa distribución é similar á da ameixa fina, polo que as súas capturas realízanse principalmente a pé nos bancos intermareais. Tamén aparece entre as extraccións realizadas dende pequenas embarcacións con raños, rastros ou ganchos.

Esta ameixa, de agradable sabor, ofrece unha relación prezo/calidade moi apreciada polo consumidor. Admite as mesmas formas de preparación ca as vistas para as outras ameixas: á mariñeira, con outros peixes, con arroz, pasta, fabas... en sopas ou guisos, en caldeirada...

Datos da especie

  • Código FAO: CLJ
  • Nome científico:Ruditapes philippinarum
  • Nome galego: Ameixa xaponesa
  • Nome castelán: Almeja japonesa
  • Grupo biolóxico: Bivalvos
Ameixa xaponesa
  • Tamaño mínimo: 35 mm
  • Forma de medición: O tamaño medirase medindo o eixe maior ou anteroposterior

Onde atopalos