Arroz verde cremoso de raia con polbo e boletus

FacebookTwitter
Arroz verde cremoso de raia con polbo e boletus
INGREDIENTES

2 racións:

  • 150 g de arroz bomba
  • 150 g de raia
  • 100 g de polbo cocido
  • 50 g de boletus
  • 1 cebola pequena
  • 80 g de espinacas
  • 20 g de manteiga
  • Sal, pementa
  • 50 g de queixo parmesano relado

Paco Caneda, profesor do Obradoiro de Emprego de Hostalaría da Mancomunidade do Salnés, achéganos unha das súas creacións máis especiais: un arroz verde cremoso de raia e polbo con boletus. A receita foi unha das súas creacións para a Festa da Raia de Portonovo (Sanxenxo), e combina tradición mariñeira e creatividade culinaria nun prato cheo de sabor e color.

Elaboración

  1. Escaldamos 80 gramos de espinacas nun cazo con 2 litros de auga a ferver durante 2 minutos; a continuación, coamos e gardamos a auga. Trituramos as espinacas ata formar unha crema.
  2. Cocemos a raia na auga de escaldar as espinacas, retiramos e reservamos o caldo.
  3. Engadimos un pouco de aceite no recipiente onde imos elaborar o arroz e rustrimos a lume lento a cebola picada finamente; incorporamos os boletus picados. Unha vez estea rustrido, incorporamos o arroz e mesturamos todo. Engadimos a crema de espinacas, damos unhas voltas e engadimos pouco a pouco a auga das espinacas a ferver, deixando repousar a preparación entre cada incorporación.
  4. A media cocción incorporamos o polbo picado e a raia desmiuzada. Traballamos sen deixar de remover ata que o arroz estea no seu punto.
  5. Engadimos a manteiga e o queixo relado e rematamos a cocción, de maneira que quede un arroz cremoso.
  6. Servimos quente, decorando ao gusto.