Polbo

Cefalópodo de oito brazos e cabeza grande, debaixo da que agocha unha boca formando un pico "de loro" duro do que se vale para comer nécoras, cangrexos... Ten dúas filas de ventosas nos tentáculos pola súa cara interna, a diferenza do polbo cabezón. Mimetízase co fondo e carece de cuncha.
Vive preto das costas e é de hábitos nocturnos. A súa extracción regúlase con plans de xestión anuais que establecen o período de veda, normalmente entre os meses de maio e xuño. A forma máis utilizada para capturalo é a nasa deseñada especificamente para o polbo, aínda que tamén entra en outro tipo de nasas. Está autorizada a súa captura tamén con bicheiro ou forquita, unha arte tradicional selectiva que consiste nun aparello formado por un mango de dimensión variable que leva no seu extremo unha ou dúas pugas curvadas.
Á feira é o prato típico de Galicia por excelencia: cocido con coidado de que non se pase de tempo; isto é, durante 40 ou 50 minutos dependendo do tamaño e sen destapar a pota, para que a cocción sexa constante á mesma temperatura. Antes de empezar a fervelo é recomendable escaldalo introducíndoo tres veces na auga fervendo e, unha vez cocido e cortado, sen que arrefríe, botarlle un chorro de aceite de oliva virxe, sal e pemento doce e picante ao gusto. Tamén se presta para poñelo nunha vinagreta, encebolado ou en caldeirada segundo a receita da Illa de Ons. Está riquísimo en empanada, ou nun guiso con arroz e patacas, ou cun rustrido de cebola á mugardesa.
Datos da especie
- Código FAO: OCC
- Nome científico:Octopus vulgaris
- Nome galego: Polbo
- Nome castelán: Pulpo
- Grupo biolóxico: Cefalópodos

- Tamaño mínimo: 1000 g
- Forma de medición: O polbo medirase polo peso total unitario
Onde atopalos
- Armadores de Burela S.A. (ABSA)
- Confraría Sindical de Pescadores San Xoán de Redondela
- Confraría de Pescadores "La Anunciada" de Baiona (Lonxa de Baiona)
- Confraría de Pescadores "Nuestra Señora de las Arenas" de Fisterra
- Confraría de Pescadores "San Antonio" de Cambados
- Confraría de Pescadores "San Francisco" Vigo
- Confraría de Pescadores "San José" de Cangas (Lonxa)
- Confraría de Pescadores "San Martiño" de Bueu
- Confraría de Pescadores "Virxe do Carmen" de Rianxo
- Confraría de Pescadores San Telmo de Porto do Son
- Confraría de Pescadores Virxen do Carmen de Corcubión
- Confraría de Pescadores de Cedeira
- Confraría de Pescadores de Lira
- Confraría de Pescadores de Muros
- Confraría de Pescadores de Portonovo
- Confraría de Pescadores e mariscadores de Ferrol
- Confraría de pescadores "San Cipriano" de Aldán - Hío
- Cíes Artesanais S. Coop. Galega
- Lonxa de A Guarda
- Lonxa de Campelo, A.I.E.
- Lonxa de Malpica
- Lonxa de Ribeira, S.L.
- Mar do Morrazo, S.C.G.