Robaliza ao forno

FacebookTwitter
Robaliza ao forno
INGREDIENTES
  • 1 robaliza (4/5 quilos)
  • Cebola
  • Allo
  • Pemento vermello
  • Aceite de oliva
  • Viño branco
  • Fariña
  • Pemento doce
  • Sal

No Restaurante santiagués Don Quijote, levan máis de 30 ofrecendo aos seus clientes unha cociña tradicional galega, con sabores de sempre e respecto ao produto. Esta receita, forma parte da súa carta.

 

Preparación

Cóllese unha robaliza ou un robalo dun tamaño xeitosiño, de uns 4 ou 5 quilos. Escámase, límpase ben, desespíñase e filetéase cortándoa en talladas axeitadas para unha persoa (uns 300 gramos por persoa) e pónselle sal a cada unha.

Coas espiñas e a cabeza da robaliza, prepárase un caldo de peixe. Para elo, nunha pota cócense a cabeza e as espiñas da robaliza xunto con unha cebola cortada e unha pouca de sal, durante uns 15-20 minutos, engadindo tamén un pouco de pemento doce para dar unha cor alaranxada ao caldo.

Con cebola, allo, pemento vermello, tomate e un pouco de sal, prepárase unha zarangallada nunha tixola con aceite de oliva, rustrindo todos os ingredientes anteriores durante uns 15 minutos. Despois retírase do lume e engádese un chorriño de viño branco á zarangallada.

Córtanse as patacas en rodas dun ancho sobre medio centímetro e frítense un minuto para que queden douradas pola parte de fora.

No fondo dunha cazola de barro póñense as patacas, enriba unha tallada de robaliza e cóbrese coa zaragallada, engadindo tamén un pouco do caldo de peixe. Enfórnase todo durante 15-20 minutos, dependendo o tempo exacto do grosor da tallada.

Sácase do forno, emprátase o peixe e a pataca, e espésase a salsa cun pouco de fariña. Engádese un pouco de salsa enriba do peixe e sérvese.