Polbo á Mugardesa

FacebookTwitter
Polbo á Mugardesa
INGREDIENTES
  • 1 polbo
  • 1 pemento vermello
  • 1 pemento verde
  • 1 cebola
  • 2 dentes de allo
  • 1 cullerada de pemento doce afumado
  • 250 ml de aceite de oliva virxe extra
  • Sal ao gusto

Nair González, xefa de cociña do restaurante Muelle 43 de Mugardos, preséntanos unha das xoias gastronómicas máis recoñecidas da vila: o polbo á mugardesa, un prato cheo de tradición mariñeira e sabor local.

Elaboración

1. Cocción do polbo

Enchemos unha pota grande con auga e poñémola a ferver. Unha vez rompa a ferver, introducimos o polbo previamente lavado. Cando a auga volva ferver, contamos 30 minutos de cocción a lume forte.

Pasado este tempo, apagamos o lume, tapamos a pota e deixamos repousar o polbo na auga quente durante 10 minutos.
Transcorrido o repouso, retiramos o polbo e reservamos.

2. Preparación da salsa

Primeira parte: Aceite infusionado con allo e pemento

Nun cazo, quentamos 250 ml de aceite de oliva virxe extra. Engadimos os dentes de allo laminados e dourámolos lixeiramente. Cando estean no seu punto, retiramos o cazo do lume e engadimos o pemento doce afumado. Remexemos e deixamos repousar para que o pemento decante no fondo.

Segunda parte: Verduras rustridas

Cortamos a cebola, o pemento vermello e o pemento verde en anacos medianos, visibles. Nunha tarteira, cun pouco sal, rustrimos as verduras ata que estean tenras e lixeiramente acarameladas.

A continuación, engadimos o aceite infusionado con allo e pemento, pasándoo por un coador para evitar impurezas. Mesturamos ben.

3. Montaxe final

Cortamos o polbo en rodelas ou anacos grandes, en función de como nos guste máis, e incorporámolo á tarteira coas verduras. Cociñamos uns minutos a lume medio, remexendo suavemente, para que se impregne de todos os sabores.

Servimos quente e gozamos deste clásico da cociña mugardesa.