Vivi Taboada, autora do blog Ó carón da Lareira, proponnos unha receita propia dos meses de verán: unha coca de escalivada con sardiñas. Unha elaboración con peixe azul e vexetais, saborosa, saudable e que nos pode solucionar tanto unha comida coa familia como unha merenda na praia.
Preparación:
Lavamos as sardiñas, retiramos as escamas e as espiñas, cortámolas en lombos e reservamos.
Lavamos e secamos as verduras, úntamolas con aceite e poñémolas no forno a 170 ºC durante uns 55-60 minutos. Retirámoas do forno, cubrímolas con papel de forno e deixámolas temperar. Pelámolas, retiramos as sementes dos pementos e cortámolas. Salpementamos e botamos un pouco de aceite. Reservamos.
Diluímos o fermento na auga morna. Mesturamos a fariña peneirada con 10 g de sal, o fermento e 25 g de aceite, amasamos e formamos unha bóla. Deixamos repousar tapada cun pano unhas dúas horas nun lugar temperado.
Estiramos a masa, cubrimos cunha fonte de forno, deixámola repousar 20 minutos e forneamos durante 5 minutos a 200 ºC. Retirámola do forno, pintámola con ovo batido, colocamos por enriba as verduras e cubrímolas cos lombos de sardiña, salpementamos e forneamos outros dez minutos.