Sopa de pataca con polbo e terra de tomate
1 Polbo (pode ser crú ou xa cocido e envasado)
Para a sopa de pataca
- 1 kg de patacas Kennebec de Galicia
- 300 g de lacón galego
- 1 litro de caldo de cocción do lacón
- Sal
- Pementa negra
Para a terra de tomate (crumble de tomate)
- 100 g de fariña de améndoa
- 30 g de zume de tomate (obtido ao licuar tomates)
- 20 g de manteiga
- Sal
Nota: Esta receita está elaborada con ingredientes sen glute.
A cociñeira Criselda Iglesias, de Espazo Gastronómico Remollo, achéganos esta receita que elaborou na última edición de Salimat. Unha proposta que combina o polbo cunha cremosa sopa de pataca e lacón e unha orixinal terra de tomate. O resultado: un prato saboroso e con diferentes texturas.
Elaboración
Cocción do polbo
Poñer ao lume unha pota con abundante auga e sal. Cando rompa a ferver, asustar o polbo introducíndoo e retirándoo da auga varias veces, ata que os raxos se ricen. A continuación, mergullalo completamente.
Cando a auga recupere o fervor, baixar o lume para manter unha cocción suave. Comprobar o punto de cocción pinchando cun garfo na unión entre un raxo e a cabeza; cando o garfo entre con facilidade, o polbo estará tenro.
Apagar o lume e deixar repousar o polbo na propia auga de cocción durante uns 20 minutos.
Se empregamos polbo xa cocido, hai que rexeneralo seguindo as indicacións do produtor (ao baño maría, no seu propio envase ou no microondas, segundo corresponda).
Sopa de pataca
- Asar as patacas, coa pel, sobre unha cama de sal no forno a 180 ºC ata que estean completamente tenras.
- Cocer o lacón nun litro e medio de auga, e reservar 1 litro do caldo da cocción.
- Pelar as patacas asadas e introducilas nun vaso batedor. Engadir o caldo reservado, salpementar e triturar ata obter unha crema fina.
Terra de tomate
- Abrandar a manteiga ata que teña o punto de pomada.
- Engadir o zume de tomate, a fariña de améndoa e un chisco de sal.
- Amasar ata obter unha masa uniforme.
- Formar un rolo, envolvelo e deixalo repousar na neveira ata que endureza.
- Relar a masa sobre unha bandexa de forno cuberta con papel sulfurizado.
- Cocer no forno a 160 ºC durante aproximadamente 12 minutos, ata conseguir un crumble seco e lixeiramente dourado.
Presentación
Servir unha base de sopa de pataca ben quente nun prato fondo. Dispoñer por enriba o polbo cortado en anacos e rematar cunha capa de terra de tomate, que achega textura e un agradable contraste de sabor e cor.