Pastel de escacho

FacebookTwitter
Pastel de escacho
INGREDIENTES
  • 1 escacho de 800 g-1 quilo
  •  4 ovos
  • 500 ml de nata líquida (36 % M.G.)
  • 170 ml de tomate triturado en conserva
  • 25 g de cebola
  • 20 g de cenoria
  • 1 dente de allo
  • Pan relado
  • Aceite de oliva
  • Sal
  • Pementa negra moída
  • Azucre
  • Ourego
     

Ricardo Fernández, cociñeiro e profesor dos ciclos de formación profesional de cociña no CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, propón unha receita de pastel de escacho sinxela e chea de sabor. Unha elaboración versátil que tamén se pode preparar con outros peixes, perfecta para poñer en valor o produto do mar e adaptala ao que ofrece a tempada.

Elaboración

Preparar unha salsa de tomate:

  1. Pelar e picar finamente a cebola, a cenoria e o allo.
  2. Nun cazo pequeno, quentar o aceite e dourar lixeiramente o allo.
  3. Engadir a cebola e a cenoria e refogar ata que estean brandas.
  4. Incorporar o tomate triturado, baixar o lume e cocer suavemente durante 20–25 minutos.
  5. Triturar a salsa ata que quede fina. Salpementar, engadir ourego ao gusto e, de ser preciso, un chisco de azucre.

Para elaborar o pastel:

  1. Cocer o peixe en auga con sal ou ao vapor. Escorrer ben, retirar peles e espiñas e desmigalo.
  2. Nun bol grande mesturar a natalíquida, os ovos, a salsa de tomate e o peixe desmigado.
  3. Engraxar un molde tipo pudin con aceite e espolvorear con pan relado.
  4. Verter a mestura no molde e cocer no forno ao baño maría a 160 ºC durante 30 minutos.
  5. Deixar que atempere antes de desmoldar. Pódese servir morno ou frío.