Pani puris recheos de bechamel de alga Wakame e cogomelos Portobello

FacebookTwitter
Pani puris recheos de bechamel de alga Wakame e cogomelos Portobello
INGREDIENTES

Ingredientes:

  • Obleas de pani puri para fritir
  • 1 cebola
  • 40 g de aceite de oliva suave
  • 30 g de fariña de trigo
  • 30 g de manteiga
  • 700 ml de leite
  • 100 ml de nata
  • 30 g de wakame deshidratado
  • 250 gramos de cogomelos Portobello
  • 1 cullerada pequena de sal
  • 1 chisco de pementa negra
  • Noz moscada ao gusto
  • 1 cullerada grande de queixo de cabra, San Simón ou outro, ao gusto

Esta receita foi unha das favoritas do público asistente ao Obradoiro de cociña con Algas e Mariscos organizado pola OPP20 Illa de Arousa e impartido por Mariví Otero, cociñeira do Chiringuito Coco Bao de Illa de Arousa.

Elaboración:

Nunha picadora trituramos as algas en pequenos anacos e a continuación hidratámolas nun bol con auga durante cinco minutos.
Cortamos os cogomelos en anacos pequenos e reservamos.

Preparamos a bechamel:  nunha tixola ou tarteira poñemos o aceite de oliva, a manteiga e a cebola previamente picada en brunoise, e sofritimos 6 minutos aproximadamente.

Engadimos os cogomelos e elaboramos ata que perdan auga; despois o wakame ben escorrido de auga, deixamos que se faga uns minutos e xa incorporamos a fariña. Mesturamos ben a fariña co resto dos ingredientes durante aproximadamente dous minutos, e logo agregamos o leite mesturando ben.

Cando a bechamel adquira corpo, engadimos a nata, removemos e incorporamos o queixo, removendo ata que estea completamente mesturado.

Finalmente, engadimos pementa, noz moscada e sal ao gusto.

Introducimos a bechamel nunha manga e enchemos as obleas previamente fritas.