Guiso de sardiñas escochadas

Ingredientes para catro persoas:
- 12 sardiñas sen cabeza e sen vísceras
- 4 patacas cortadas en rodas moi finas
- 1 tomate e medio maduro
- 1 cebola e media
- ½ pemento verde
- 1 vaso de aceite de oliva
- 1 vaso de auga
- 1 anaco de unto
- 2 dentes de allo
- 1 culler grande de pemento doce
- Sal
O Grupo de Acción Local de Pesca Ría de Pontevedra facilítanos esta preparación de sardiñas, apta tanto para principiantes como para cociñeiros e cociñeiras experimentados. Publicada orixinalmente no Receitario Gacstroderías 2013, por cortesía do Restaurante A Taberna de Alvariñas, de Combarro (Poio).
Preparación:
Verter o aceite e o pemento doce nunha pota de barro e mesturar ben. Incorporar en cru todos os ingredientes cortados menos as sardiñas e a auga.
Mesturar todo ben e colocar as sardiñas escochadas enriba. Tapar a pota e poñela a lume vivo, movéndoa a miúdo. Unha vez que ferva, engadir o vaso de auga, baixar a lume medio e esperar a que as patacas estean no seu punto.
NOTA: Para escochar as sardiñas hai que collelas polos dous extremos e empuxar cara ao centro, tratando de xuntar as mans, de xeito que a espiña central se deforma en zig-zag.