Guiso de choupa

- Dous quilos de choupas pescadeRías
- Oito patacas de Galicia
- 600 gramos de chícharos frescos
- Un sobre de azafrán puro
- Dúas cebolas do país
- Un pemento verde
- Pirixel
- Tomates de rama de sabor doce
- Dúas cenorias
- Dous dentes de allo
- Un chile
- Unha folla de loureiro
- Aceite de oliva virxe extra
- Medio vaso de chopo de viño de Rueda Solera
- 2/3 de vaso de chopo de coñac
- Un vaso de caldo corto de Robaliza pescadeRías
- Unha culleriña de pemento agridoce de La Vera
- Sal
Juan Carlos Alonso (www.gastronomiaenverso.es) enviounos esta receita dun rico guiso de choupas pescadeRías con patacas que a el lle trae gratos recordos da súa nai.
Limpar as choupas pescadeRías e cortalas en anacos pequenos. Adobalas a noite anterior con dous dentes de allo e pirixel picados, e comezar a guisar este prato de luxo total ao día seguinte.
Picamos as cebolas á brunoise e rustrímolas a lume baixo durante 7 minutos, cun chisco de sal. Cortamos o resto das hortalizas e reservamos. Cando a cebola estea lixeiramente dourada, engadimos os allos picados e refogamos durante dous minutos máis.
Incorporamos a cenoria, o pemento verde, un chisco de sal e continuamos rustrindo os ingredientes a lume baixo durante cinco minutos máis. Engadimos a folla de loureiro e medio chile en anacos, e seguimos a refogar un par de minutos máis.
Engadimos os tomates en anacos pequenos, e refogamos cinco minutos máis a lume baixo, incorporando un chisco de sal fino. Botamos a culleriña de pemento agridoce e refogamos durante un minuto a lume baixo.
Incorporamos o viño e subimos a temperatura do lume durante un par de minutos, refogando lentamente os nosos ingredientes. Engadimos o coñac e reducimos durante un par de minutos, subindo a temperatura do lume.
Chegou o momento do incorporar as choupas pescadeRías en anacos e de refogar os nosos ingredientes durante un par de minutos. Engadimos un pouquiño de sal e deixamos cocer a lume baixo durante 45 minutos, ou ata que estean tenras, sen botarlle pinga de auga nin de caldo de peixe.
Incorporamos as patacas e engadimos un pouco de sal fino. Subimos a temperatura do lume, incorporamos os chícharos e un vaso de caldo corto de Robaliza pescadeRías e, cando o guiso comece a ferver, engadimos un sobre de azafrán. Refogamos e mantemos o noso guiso cocendo a lume baixo durante vinte minutos máis. Finalmente, deixamos repousar o guiso de choupas pescadeRías cinco minutos antes de servir.