Vostede está aquí

Empanada de millo con berberechos Imprimir

Empanada de millo con berberechos
Ingredientes
  • 800 kg. de berberechos pescadeRías
  • 2 cebolas
  • 1 pemento pequeno
  • 1 kg. e 1/2 de fariña de millo
  • 1 kg. e 1/2 de fariña de centeo
  • 1 cullerada de pemento doce
  • Aceite de oliva e sal

Introducción

Quizais a máis emblemática das empanadas feitas en Galicia, xunto coa de xoubas, sexa a que utiliza a fariña de millo como base e os berberechos pescadeRías como ingrediente principal no seu recheo. Unha das máis deliciosas mostras da nosa gastronomía, que aquí explicamos como preparar de xeito sinxelo.

Elaboración

Para preparar a masa da empanada, nun recipiente poñemos a fariña de millo e engadimos un litro de auga morna. Amasamos con tranquilidade e cando a mestura estea ben ligada incorporamos a fariña de centeo. Continuamos amasando ata que a mestura sexa completamente uniforme e deixamos repousar polo menos durante unha hora e media.

A continuación preparamos o sofrito: nunha tixola cun chisco de aceite de oliva pasamos con pouco lume as cebolas picadas moi finas, o pemento e o perexil, e cando a cebola empece a transparentar engadímoslle á mestura unha cullerada pequena de pemento doce.

Á parte, nunha pota, dámoslles un fervor aos berberechos pescadeRías para que se abran. Unha vez abertos apartámolos do lume e deixámolos arrefriar uns minutos. A continuación, quitámoslles a cuncha e reservámolos.

Xa temos a masa e o recheo preparados, polo que o seguinte paso será montar a empanada. Esta é a parte máis complicada, posto que a masa baseada en fariña de millo se desfai facilmente. Para poñer remedio a este inconveniente, nunha bandexa de forno imos montando a base de masa con pequenos anacos que uniremos axudándonos das mans, que deben estar humedecidas. Unha vez a teñamos, sobre ela repartiremos o sofrito e enriba deste os berberechos pescadeRías. Para facer a tapa da empanada repetimos a mesma operación da base. A cocción será de aproximadamente unha hora no forno, a 180 ºC; pasado este tempo, a empanada terá adquirido un apetitoso ton dourado. Antes de servir, deixamos que amorne uns 15 ou 20 minutos.

Compartir en redes sociais