Ourizo

O ourizo é de cor escura, con tendencia ás cores negra, verde e violeta. Ten unhas púas robustas e aguzadas que, ao caeren, deixan ver un corpo dividido en grupos de placas. O corpo do ourizo non é totalmente esférico, senón que está algo achatado polas zonas da boca e do ano. As gónadas femininas son de cor amarela forte ou alaranxadas; as masculinas, amarela clara ou parda.
A súa captura está regulada mediante plans de explotación específicos para esta especie aprobados anualmente. Pode collerse a pé ou dende embarcación utilizando bicheiro ou forquita axudados dun espello ou mirafondos, esta arte soamente pode ser utilizada en fondos inferiores a cinco metros. Tamén pode ser extraído mediante mergullo en apnea ou con aire dende superficie. As capturas concéntranse entre outubro e abril.
Do ourizo só se toma a gónada ou glándula reprodutora que está no seu interior. Na Costa da Morte din: "cando o cuco cuca, o ourizo está cucado", porque na primavera xa lle pasou o tempo. A cociña clásica aposta por tomalos crús, abrindo o ourizo con coidado e metendo a culler.
A cociña moderna incorporouno en mollos que acompañan peixes aos que lles multiplica os recendos a mar. Cos ourizos prepáranse tamén conservas, patés, revoltos, maionesas...
Datos da especie
- Código FAO: URM
- Nome científico:Paracentrotus lividus
- Nome galego: Ourizo
- Nome castelán: Erizo De Mar
- Grupo biolóxico: Equinodermos

- Tamaño mínimo: 5,5 cm
- Forma de medición: Nos equinodermos o tamaño medirase ao longo do diámetro do seu dermatoesqueleto (casca) pugas (DD)
Onde atopalos
- Confraría de Pescadores "La Anunciada" de Baiona (Lonxa de Baiona)
- Confraría de Pescadores "Nuestra Señora de las Arenas" de Fisterra
- Confraría de Pescadores "San Francisco" Vigo
- Confraría de Pescadores "San José" de Cangas (Lonxa)
- Confraría de Pescadores "San Martiño" de Bueu
- Confraría de Pescadores "Santiago Apóstol" de Barallobre
- Confraría de Pescadores San Telmo de Porto do Son
- Confraría de Pescadores Virxen do Carmen de Corcubión
- Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño
- Confraría de Pescadores de Lira
- Confraría de Pescadores de Muros
- Confraría de Pescadores de Portonovo
- Confraría de Pescadores e mariscadores de Ferrol
- Lonxa de A Guarda
- Lonxa de Malpica
- Lonxa de Ribeira, S.L.