Salmonete con arroz das súas espiñas torradas e aire do seu caldo
Para 4 persoas
- 4 salmonetes
- 200 g de arroz
- 2 dentes de allo
- 1 porro
- 2 cenorias
- Alga kombu deshidratada
- 1 g de lecitina de soia
- Aceite de oliva
- Sal
Para a salmorreta:
- Allo
- Polpa de pemento chouriceiro
- Tomate natural relado
- Aceite de oliva
Emma Pinal | Gastrobar O Birrán (Ribadavia, Ourense)
Elaboración
- Preparar o caldo de espiñas torradas
Limpar os salmonetes, separar os lombos e reservar as espiñas. Branquear as espiñas en auga con xeo e torralas no forno ata que adquiran un ton dourado.
Mentres tanto, refogar nunha pota o allo, o porro e as cenorias. Incorporar as espiñas torradas, cubrir con abundante auga fría e engadir a alga kombu..
Levar a ebulición e cociñar durante 20 minutos. Retirar do lume, tapar e deixar infusionar. Coar o caldo cun coador de malla moi fina e poñelo de novo ao lume para reducilo e concentrar o seu sabor. Rectificar de sal e reservar.
- Cociñar o arroz
Preparar a salmorreta refogando o allo, a polpa de pemento chouriceiro e o tomate relado ata obter unha mestura ben concentrada.
Incorporar o arroz, remexer e refogar ben. Engadir o caldo de espiñas ben quente e levar a ebulición. Baixar o lume e cociñar durante 15 minutos. Retirar, tapar e deixar repousar uns minutos.
- Cociñar os salmonetes
Marcar os lombos de salmonete nunha tixola a lume forte, comezando polo lado da pel. Rematar a cocción no forno, coa pel cara arriba, a 180 °C durante 1 ou 2 minutos, segundo o grosor dos lombos.
- Preparar o aire de caldo
Disolver 1 g de lecitina de soia en 200 g do caldo de espiñas morno, que deberá ter un sabor intenso e concentrado.
Utilizar un aireador para incorporar aire e conseguir unha escuma lixeira e estable. Se non se dispón de aireador, pódese empregar unha batedora de man, inclinándoa lixeiramente para favorecer a formación de escuma na superficie.
Presentación
Remexer suavemente o arroz despois do repouso para integrar ben todas as súas capas e sabores.
Servir un par de culleradas de arroz en cada prato e colocar enriba dous lombos de salmonete, coa pel cara arriba.
Rematar cunha cullerada de aire de caldo de espiñas.