Apertura e peches

PescadeRias

O 30 de setembro comezou a veda da lagosta (Palinurus elephas) en Galicia. Poderá extraerse de novo a partires do 1 de xaneiro do vindeiro ano. Por outra banda, rematou a veda do santiaguiño (Scyllarus arctus) que poderá ser capturado ata o 5 de xaneiro de 2022. O período autorizado para a captura desta especie é de tan so tres meses ao ano para evitar a súa sobreexplotación.

En canto ao ourizo, en outubro comezou a campaña 2021-2022 nas Confrarías de Pescadores da provincia de Pontevedra. A súa captura, que pode facerse a pé ou a mergullo, regúlase mediante plans de xestión aprobados pola Consellería do Mar. Nas lonxas das provincias de A Coruña e Lugo aparecerán os primeiros ourizos entre novembro e xaneiro, dependendo da época de captura que figura nos plans de xestión presentados por cada Confraría. A campaña prolongarase ata abril do ano 2022.