Anguía

A anguía ten unha inconfundible forma de serpe. A súa cor é verdosa e ten a pel recuberta dunha mucosidade que lle dá ese tacto tan escorregadizo. A queixada inferior da anguía é moi prominente. Ten un ciclo vital característico: vive durante seis ou sete anos no río; logo, cando é adulta, vai desovar ao mar e morre despois de efectuar o desove. As larvas volven remontar o río cando teñen dous ou tres anos e miden uns 4 ou 5 centímetros.
A anguía captúrase de xeito tradicional con nasas de anguía ou con nasa voitirón. A súa pesca está regulada por plans de xestión para a recuperación da especie a fin de permitir, cunha elevada probabilidade, a fuga ao mar de, polo menos, o 40 % da biomasa de anguías. Nos plans especifícase a época na que se pode capturar.
É un peixe que non sempre recibe o trato que merece. Admite infinidade de preparacións: cun rustrido de cebola e tomate e un arroz no seu punto, fai un prato de primeira. Tamén se pode substituír o arroz por uns fideos nun guiso pletórico e novo. É deliciosa ao forno ou con xamón. En Ourense, curiosamente un dos sitios con máis tradición de consumo, toman os meixóns fritidos simplemente. En A Guarda fana frita cun mollo tipo escabeche. E, como recomenda o lembrado Álvaro Cunqueiro, se son gordas atrévase co pastelón de anguía con masa follada. E non esqueza a empanada...!
Datos da especie
- Código FAO: ELX
- Nome científico:Anguilla anguilla
- Nome galego: Anguía
- Nome castelán: Anguila
- Grupo biolóxico: Peixes

- Tamaño mínimo:
- Forma de medición: O tamaño medirase desde a punta da cabeza ata o extremo da aleta caudal
Onde atopalos
- Confraría Sindical de Pescadores San Xoán de Redondela
- Confraría de Pescadores "San Antonio" de Cambados
- Confraría de Pescadores "Virxe do Carmen" de Rianxo
- Confraría de Pescadores Virxe do Carme de Arcade
- Confraría de Pescadores e mariscadores de Ferrol
- Lonxa de A Guarda
- Lonxa de Campelo, A.I.E.
- Lonxa de Ribeira, S.L.