Sete escolas de hostalaría participaron xa do programa Do Mar ao Prato

Programa Do Mar ao Prato

Continuamos coas visitas de estudantes de hostalaría para coñecer a orixe dos produtos pesqueiros e marisqueiros. Son sete xa os centros que se acercaron a vilas costeiras dentro do programa Do Mar ao Prato.

O alumnado de hostalería do CIFP Compostela e do CIFP Carlos Oroza estiveron nos bancos marisqueiros de Cambados, nas instalacións de eviscerado de vieira e na lonxa e o porto desta localidade, onde puideron ver o traballo das redeiras.

En Cedeira, estudantes de restauración e cociña do IES Fragas do Eume e da Escola de Especialidades da Estación Naval de A Graña (ESENGRA), observaron a extracción de berberecho na ría, coñeceron o proceso de poxa na lonxa e estiveron no Museo do Mar desta Vila.

Estudantes do CIFP Paseo das Pontes visitaron a lonxa e o porto de Fisterra, rematando a xornada cunha visita ao Museo do Mar no Castelo de San Carlos.

Por último, alumnado de hostalaría do CIFP Manuel Antonio e da Escola de Cociña Harina Blanca, participaron da poxa de navalla na lonxa de Cangas, percorreron o porto e tamén coñeceron o proceso de depuración dos bivalvos na depuradora de Mares de Galicia.

As visitas dos restantes centros terán lugar á volta da Semana Santa.