Rosa Quintana reúne a 60 dos mellores cociñeiros de España na subasta da centola en cambados para promocionar este marisco

Subasta da centola

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu esta tarde á subhasta da centola na lonxa de Cambados xunto con preto de 60 cociñeiros de prestixio de toda España para promocionar este marisco nos restaurantes de referencia nacional e internacional do país. Esta actividade enmárcase na xornada A centola galega nas mellores cociñas, desenvolvida pola Consellería do Mar para promover esta especie e as súas posibilidades culinarias.

Quintana explicoulles aos cociñeiros o proceso de primeira venda do peixe e o marisco e remarcou que esta xornada axudará a pór en valor a centola nas cociñas máis recoñecidas de España. Así, cociñeiros de renome como Paco Roncero, Javier Torres ou Pepe Solla, presenciaron como é unha poxa nesta lonxa, que está equipada cun moderno sistema informático de identificación e venda.

A intención da Consellería a través desta xornada é facer que estes profesionais da cociña actúen como embaixadores da calidade do marisco de Galicia e pór en valor a centola nas cociñas máis recoñecidas de España. Ao mesmo tempo, a Consellería impulsa os valores turísticos, gastronómicos e naturais do noso país, xa que se trata dun produto singular da nosa terra e de calidade.

Esta xornada promocional consistiu nunha saída ao mar nunha embarcación dende o porto do Grove, para amosarlles aos cociñeiros o proceso de pesca deste crustáceo, as artes que se empregan para a súa captura, os tipos de embarcacións utilizadas e a conservación e mantemento a bordo para a venda. O obxectivo era que os participantes coñeceran todo o ciclo comercial da centola galega, dende que se captura ata que chega ás lonxas.

A iniciativa enmárcase na liña da Consellería de potenciar a comercialización dos produtos galegos e acadar a súa diferenciación, desenvolvendo novas técnicas de comercio e novas formas de presentación, que engaden valor ao produto. Este é o caso da marca de calidade pescadeRías que certifica a pesca artesanal e o marisqueo das nosas costas, que a Consellería está a promover en supermercados, restaurantes e lonxas.

Cabe destacar que no ano 2010 desembarcáronse nas lonxas galegas 259.587 quilos de centola, por valor de 3.238.698 euros e cun prezo medio de 12,48 euros o quilo. A Consellería persegue con esta iniciativa darlle máis valor engadido a este marisco, coñecido polo seu sabor e calidade, e que supón unha das especies de referencia para a nosa pesca artesanal.