Rosa Quintana define "Xantar 2012" como un escenario perfecto para a promoción conxunta dos produtos do agro e do mar

Rosa Quintana define "Xantar 2012" como un escenario perfecto para a promoción conxunta dos produtos do agro e do mar

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, definiu "Xantar 2012" como un escenario perfecto para a promoción conxunta dos produtos do sector primario. Así o expuxo durante a súa intervención na inauguración da décimo terceira edición deste Salón Galego de Gastronomía e Turismo, que tivo lugar esta mañá en Ourense e na que estivo acompañada pola secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, e o delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, entre outras autoridades.

Rosa Quintana manifestou así a súa satisfacción ao comprobar que este tipo de certames contribúen a reforzar a comercialización dos produtos, e engadiu que a gastronomía se perfila como unha 'aliada estratéxica e representativa do agro galego e dos froitos do mar, que reflicten precisamente o potencial da nosa Comunidade'. Potencial, engadiu, que o Goberno Galego ten a tarefa de promocionar, mediante o seu apoio incondicional a tódolos eslavóns do sector.

A titular de Medio Rural e do Mar percorreu as instalacións desta feira para apoiar coa súa presenza a posta en valor destes produtos, e incidiu na importancia de que a gastronomía galega sexa identificada alén das nosas fronteiras e que teña cada vez un maior recoñecemento.

Programa de actividades
A Consellería do Medio Rural e do Mar está presente neste evento cun stand institucional de 150 metros cadrados. Nel levaranse a cabo diferentes actividades de promoción ao longo destes cinco días.

Hoxe terá lugar un obradoiro de pratos con produtos do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, seguido por un especial de Grelos, produto destacado nesta edición. O xoves, o cociñeiro Pedro Merino -xefe de cociña do Parador de Baiona e experto en peixes e mariscos- será o encargado de deleitar aos visitantes con menús elaborados a partir de froitos amparados pola marca de calidade pescadeRías, destacando o polbo, os percebes e o linguado entre os produtos estrelas.

Nos vindeiros días realizaranse diversas catas comentadas de produtos amparados por algún selo de calidade, tales como o mel, queixos, viños, licores e augardentes.

Cita da gastronomía
Na súa intervención durante o acto inaugural, a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, incidiu en que Xantar é "a gran cita da gastronomía en Galicia e constitúe un referente entre os amantes da arte culinaria na nosa comunidade". Segundo dixo, o evento ten alcanzado nos últimos anos unha enorme proxección internacional.

Carmen Pardo engadiu que "dende a Administración Turística galega apoiamos eventos como Xantar porque son unha oportunidade magnífica para dar a coñecer o mellor que temos, que son os produtos da nosa terra elaborados e cociñados polos mellores profesionais da cociña galega".

A secretaria xeral para o Turismo comentou que "Galicia ofrece a través da súa gastronomía o mellor da súa esencia e o seu caracter auténtico" e no seu relatorio fixo unha radiografía da Galicia gastronómica aportando datos como que Galicia é a comunidade con maior variedade de produtos do mar do mundo; temos máis de 300 festas gastronómicas que impulsan o sector turístico e promocionan os produtos con indicación de calidade; a gastronomía é a segunda motivación despois da natureza que fai que os turistas escollan a nosa comunidade como destino; en Galicia temos viño de cinco Denominacións de Orixe Protexidas e temos dez restaurantes distinguidos con Estrela Michelín e 18 con Soles Repsol.

Salón de gastronomía e turismo
A XIII edición de Xantar contará cun total de 113 expositores repartidos nunha superficie de 12.000 metros cadrados. O principal obxectivo deste certame é defender a cultura da calidade na gastronomía e potenciala como reclamo turístico.