Rosa Quintana: A nosa participación en feiras coma Salimat ábrenos as portas para que nos coñezan no exterior

Rosa Quintana: A nosa participación en feiras coma Salimat ábrenos as portas para que nos coñezan no exterior

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, enxalzou os produtos da pesca galega no transcurso da súa visita ao Salón Internacional do Atlántico (Salimat), que se está a celebrar en Silleda, no marco da Feira Internacional de Galicia Silleda. A conselleira participou nunha das degustacións diarias que ofrece o stand da Consellería ao longo desta feira, que pecha as súas portas o13 de xuño.

Coa súa participación nesta feira, a Consellería do Mar continúa na liña de potenciar, difundir e promocionar os sectores e produtos pesqueiros galegos, co fin de intensificar o coñecemento dos mesmos, promover o seu consumo e incrementar a súa competitividade. A Consellería do Mar considera que a asistencia a eventos feirais relacionados coa comercialización e promoción dos sectores e produtos pesqueiros é importante para dar a coñecer a importancia de Galicia neste eido, tanto no ámbito nacional, como internacional, de cara a abrirse a novos mercados.

Mar participa neste salón cun stand de 50 m2, no que se presentan contidos relativos aos produtos do mar e se desenvolven degustacións de produtos pertencentes á marca pescadeRías, que certifica que os produtos gozan dun alto nivel de frescura e cumpren tódolos requisitos sanitarios, de calidade e ambientais. As degustacións estanse a realizar entre as 12:30 e as 14:00 horas e nelas os asistentes poden probar receitas elaboradas con marisco como croquetas, salpicón e paté. Tamén se pode degustar polbo, empanada de xoubas, de polbo e de zamburiñas, peixe frito, mexillón á vinagreta e diferentes consevas.

No que vai de ano a Consellería do Mar estivo presente xunto con preto de 80 empresas galegas en 8 certames deste tipo, varios de ámbito internacional – Mediterranean Seafood, Alimentaria, Salón Gourmets, Acui 2010, Seafood -. Nalgúns casos foi acompañada da Consellería do Medio Rural, como no Fórum Gastronómico de Santiago ou Alimentaria, buscando dar unha imaxe única de Galicia avalada por unha oferta mar-terra que se potencia e complementa. Outras das feiras nas que participará a Consellería tras Salimat, son Conxemar (do 7 ao 9 de outubro) e Sial, que se celebrará en París do 17 ao 21 de outubro.