Roberto Varela reivindica que o turismo e a cultura son dous activos fundamentais para facer fronte á crise na celebración da V Gala de Hostalería de Galicia

Roberto Varela reivindica que o turismo e a cultura son dous activos fundamentais para facer fronte á crise na celebración da V Gala de Hostalería de Galicia

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiron esta tarde á V Gala de Hostalería de Galicia que se celebrou en Ferrol. No acto, que tivo lugar no Pazo do Monte, tamén participaron a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo; o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey; o presidente de Confederación de Empresarios de Hostelería de Galicia (Cehosga), Héctor Cañete, e o titular da Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarcas, Julio Martínez.

Na súa intervención, o conselleiro de Cultura e Turismo fixo fincapé en que a celebración desta gala de hostalería celebrase "nun día especial para o sector", xa que hoxe conmemorouse o Día Mundial do Turismo que en 2011 está centrado no achegamento entre culturas a través da experiencia turística. Nesta liña, Roberto Varela asegurou que en Galicia "coñecemos moi ben o valor da viaxe como axente de entendemento. De feito, levamos máis de mil anos afondando neste concepto a través do Camiño de Santiago".

O titular de Cultura e Turismo subliñou que o turismo está "chamado a consolidar a condición de terra de acollida de viaxeiros que caracteriza a Galicia" e, ao mesmo tempo, engadiu que "debe ser, e xa é, un dos motores económicos da nosa comunidade". Así, destacou que, pese ao difícil contexto socioeconómico actual, "os datos do turismo seguen a deparar conclusións positivas". Puxo de exemplo os datos do mes de agosto, que revelaron que no acumulado do ano Galicia recibiu a 6,3 millóns de persoas, case un 7% máis que no Ano Xacobeo e un 13,5% máis que en 2009.

Con todo, o conselleiro recoñeceu que os visitantes que acoden a Galicia están a reducir a súa estancia, unha situación que, recordou, non é exclusiva de Galicia senón que "é un fenómeno global vinculado á crise económica e que está a redefinir o escenario turístico internacional". Roberto Varela apostou por analizar esta realidade con "optimismo" xa que "o turismo e a cultura son dous activos fundamentais para facer fronte a unha crise de escala mundial".

Nas súas palabras, o conselleiro de Cultura e Turismo fixo referencia a que Galicia "é cada vez máis un destino coñecido e valorado fóra de España e que, paso a paso vai consolidándose entre os destinos turísticos de calidade". De cara ao futuro, Roberto Varela apostou por seguir "crecendo e mellorando", xa que "a consolidación do noso turismo require dun esforzo conxunto, un labor no que os profesionais da hostalería teñen moito que dicir". Por todo isto, o conselleiro aproveitou a súa intervención para felicitar aos hostaleiros galegos polo seu traballo e pola calidade do seu servizo, "un dos valores cos que conta Galicia para seguir desenvolvéndose como destino turístico".

Premios ás mellores receitas a base de peixe e marisco
No transcurso da gala, o director xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, fixo entrega dos premios pescadeRías ás mellores receitas preparadas con produtos procedentes da pesca artesanal e o marisqueo. Na entrega destes galardóns estivo presente a conselleira do Mar, Rosa Quintana.

O gañador do concurso, organizado pola Confederación de Empresarios de Hostelería de Galicia (Cehosga) e a Consellería do Mar, foi Eloy Cancela pola súa receita de canelóns de centola e zamburiñas agridoce. Juan David Couñago resultou o primeiro finalista grazas ao seu ollomol salvaxe con arroz negro venero cremoso e as milfollas de grelos e pescada de Jose Manuel Trillo obtiveron o galardón de segundo finalista.

Tanto o xurado de preselección como o da fase final avaliaron a redacción e claridade da receita e a súa presentación e orixinalidade. Tamén tiveron en conta á hora de puntuar a receita, a calidade e viabilidade da elaboración, é dicir as técnicas e ingredientes empregados, así como a visibilidade do prato nas fotografías.

A I edición deste Concurso Gastronómico pescadeRías contou coa participación de máis de 17 profesionais do sector da cociña de toda Galicia. A Consellería do Mar convocou este certame co obxecto de potenciar o consumo de peixe de distintas maneiras, máis modernas que as preparacións que se fan habitualmente, a través de receitas orixinais, diferentes e moi interesantes que permitan gozar dos produtos do mar de Galicia.