Porto Muíños, entidade do mes
25/02/2026
Porto Muíños, empresa galega pioneira e referente na valorización das algas mariñas para consumo humano, é a entidade destacada do mes. Certificada pola marca desde o ano 2012, o alcance da certificación abrangue a distribución de algas frescas e a súa transformación para uso alimentario.
Situada en Cerceda (A Coruña), a empresa leva máis de dúas décadas traballando cunha aposta clara pola innovación, a investigación e o aproveitamento sostible dos recursos do mar. Ademais da súa actividade produtiva, Porto Muíños conta cunha tenda en liña a través da cal achega directamente os seus produtos ao consumidor, facilitando o acceso ás algas galegas para uso doméstico e profesional.
Porto Muíños foi unha das primeiras empresas en introducir as algas na gastronomía galega contemporánea, abrindo camiño a novos produtos, formatos e usos culinarios, sempre cun forte compromiso coa calidade, a trazabilidade e o respecto polo medio mariño.