Novas entidades apostan polo etiquetado individual de peixes
09/03/2026
Novas entidades do sector pesqueiro galego dan un paso adiante na diferenciación e posta en valor do produto coa implantación do etiquetado individual de peixes, unha medida que reforza a trazabilidade, a transparencia e a identificación na orixe.
Recentemente comezaron a aplicar este sistema a Confraría de Pescadores de Porto do Son e Cíes Artesanais S. Coop. Galega, incorporando etiquetas individuais nas súas capturas. Esta práctica permite que cada peza leve asociada unha etiqueta azul co logo da marca pescadeRías de onde se non? e un código numérico, garantindo ao consumidor unha identificación clara do produto e facilitando a súa diferenciación no mercado.
Ademais, está previsto que no mes de marzo se sume a esta iniciativa a Confraría de Pescadores de Portosín, ampliando así o número de entidades que apostan por este modelo. Con estas incorporacións, son xa 15 as entidades que practican o etiquetado individual, consolidando unha rede cada vez máis ampla comprometida coa valorización do produto.
A implantación deste sistema supón un avance relevante na estratexia de impulso da pesca artesanal, xa que reforza a confianza do consumidor, visibiliza o traballo da frota e contribúe a combater prácticas irregulares. Ao mesmo tempo, mellora a información dispoñible no punto de venda e fortalece a imaxe de calidade asociada aos produtos do mar de Galicia, apostando por un modelo máis transparente, sostible e orientado á excelencia.