Mar mostra aos cociñeiros dos comedores escolares as achegas nutritivas dos produtos do mar no salón Gourmets de Madrid

Salón Gourmets de Madrid

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada do director xeral de Competitividade e Innovación, Juan Maneiro, realizou un percorrido polas instalacións do Salón de Gourmets de Madrid e amosou o seu apoio ás 24 empresas galegas presentes neste evento. Ademais, a conselleira presidiu a degustación de receitas de produtos do mar dirixida a directores de centros educativos, empresas de comedor e responsables de catering de colexios e destinada a difundir a campaña O sabor da aventura está no mar.

Durante o show cooking realizado o personal dos centros escolares de Madrid puido comprobar a elaboración dalgunhas das receitas que a Xunta serve nos comedores dos centros públicos galegos nos que se desenvolve O sabor da aventura está no mar para impulsar o consumo do peixe fresco entre os nenos e nenas. Posteriormente degustaron estes pratos, que consistiron en empanada de troita, fideos con mexillón, pescada orly, albóndegas de xurelo e rodaballo ao forno.

A través desta acción, a Xunta dá a coñecer os obxectivos deste programa, impulsado pola Consellería do Mar, en colaboración coas Consellerías de Educación e Sanidade. Grazas a O sabor da aventura está no mar, no curso 2010-2011, preto de 22.000 alumnos de 133 centros públicos galegos beneficiaranse do consumo de peixe fresco.

A Consellería na feira
A Consellería do Mar está presente no evento cun stand de 432 metros cadrados, no que se ofrecerán un total de 10 degustacións, 5 delas conxuntas coa Consellería de Medio Rural. A maiores, hoxe martes, haberá outras degustacións de receitas elaboradas por cociñeiros galegos a cargo de Conservas Ramón Franco, que ofrecerá zamburiñas á prancha e de Salimar, nas que se poderán saborear receitas de conservas como crujiente de boletus con mexillóns en escabeche, coca de verduras con xarda, ensalada de agulla con crujiente de mel e ventresca con salmorejo. Mañá mércores, ás 11:00, os asistentes ao Salón Gourmets poderán probar as conservas de Cambados, ás 12:15 os produtos da marca pescadeRías, e a continuación, Alimentos Javimar e Boiromar Seafood presentarán os seus produtos en dúas catas diferentes.