Día da Muller na Cociña Atlántica

pescadeRias

Mañá mércores 15 de abril, ás 12:00 horas, a Aula Gourmets do Pavillón 3 acollerá a presentación “Elas levan o timón, as mulleres do mar”, unha actividade enmarcada no Día da Muller na Cociña Atlántica. Trátase dunha proposta da Xunta de Galicia que reivindica o papel da muller como transmisora de cultura, a riqueza do produto atlántico e a súa vinculación co territorio.

O acto contará coa participación da chef Emma Pinal, do Gastrobar O Birrán (Ribadavia), quen ofrecerá unha proposta culinaria na que o Atlántico e o interior dialogan en cada prato, reivindicando o produto do mar desde unha ollada contemporánea. A súa cociña, profundamente ligada ao territorio, servirá como fío condutor para visibilizar o traballo das mulleres que sosteñen a cadea de valor do mar, desde mariscadoras e pescadoras ata traballadoras da conserva e redeiras.

Así mesmo, a presentación incluirá a intervención de Ana Pérez, do equipo de xestión da marca pescadeRías de onde se non?, xunto coa técnica en elaboración de viños Maira Ratón, quen achegarán a súa visión sobre o papel da muller no sector e a súa contribución ao desenvolvemento dunha pesca sostible e de calidade.