A Confraría de Barallobre inicia unha nova campaña de extracción de vieira en fresco
20/01/2025
A Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo de Barallobre anuncia o comezo dunha nova campaña de extracción de vieira en fresco, que comeza hoxe, 20 de xaneiro e rematará o 27 de febreiro, despois dun ano de espera. Grazas aos resultados favorables das analíticas, será posible retomar esta actividade na ría.
Durante os 24 días da campaña, 12 embarcacións cun total de 34 tripulantes, empregando o arte do rastro de vieira, extraerán ata 40.800 kg deste prezado molusco, cun límite diario de 1.700 kg. Aínda que a talla mínima permitida é de 10 cm, só se recollerán exemplares superiores a 12 cm, priorizando os de máis de 13 cm, que representan o 95% das capturas e teñen un maior valor no mercado. Esta estratexia reforza a sustentabilidade e asegura futuras campañas.
A confraría mantén un acordo de colaboración con Artesa Rías Baixas S.L. para a evisceración e comercialización do produto, garantindo así a súa óptima distribución en fresco. Tanto a confraría como a empresa transformadora están certificadas pola marca pescadeRías de onde se non? para a comercialización de moluscos
bivalvos.
Ademais, por encarga, a confraría ofrecerá vieira eviscerada e en fresco (sen conxelado previo) a partir do mércores 22 de xaneiro.
Esta iniciativa destaca o compromiso da Confraría de Barallobre coa pesca sustentable e coa excelencia dos produtos do mar galego.
En palabras do patrón maior da confraría, Jorge López Pena:
“Estabamos esperando esta campaña con moitas ganas debido á gran demanda que tivemos durante todo o ano 2024, que fixo que rematásemos a vieira máis grande dispoñible para a venda antes do Nadal. A partir do mércores empezaremos a ter vieira da ría en fresco de tamaño grande á venda nas nosas instalacións do Porto de Barallobre (Fene) para particulares e para a hostalería. Estamos moi contentos de poder poñer á disposición do público galego e nacional o noso produto coa máxima calidade, frescura e garantías que fan que a vieira da ría e a Confraría de Barallobre sexan un referente en comercialización e explotación”.