Vostede está aquí

A Xunta presentará máis de 50 combinacións gastronómicas con produtos galegos no Fórum Gastronómico

Publicado o domingo, 14 Febreiro 2010 11:40
50 combinacións gastronómicas

A Xunta de Galicia, a través das Consellerías do Mar e do Medio Rural, presentará máis de 50 combinacións gastronómicas con produtos galegos no Fórum Gastronómico de Santiago 2010, que se celebrará na capital galega os días 20, 21, 22, 23 e 24 deste mes. O obxectivo é potenciar e dar a coñecer a calidade dos produtos da pesca, da acuicultura e do agro de Galicia nesta feira, que será o punto de encontro dos profesionais da enogastronomía galega, nacional e internacional.

O stand da Xunta, que compartirán ambas consellerías, abarcará unha superficie de 304 metros cadrados e ofrecerá relatorios de expertos cociñeiros e diversas degustacións, todas a base dos mellores produtos do mar e da terra de Galicia. O stand ofrecerá ata 53 propostas gastronómicas, que inclúen produtos da pesca e da acuicultura de Galicia como paté de percebe, polbo, rodaballo ou mexillón entre outros.

Augardentes e licores tradicionais, viños con Denominación de Orixe, grelos de Galicia, queixos da nosa comunidade autónoma, tenreira galega, embutidos de Castrobello, meles de Anta e setas Silvestre son outras das delicias que poderán degustar os que se acerquen ao posto da Xunta de Galicia.

Entre as actividades programadas, cabe destacar a sesión de cociña en directo a cargo do prestixioso cociñeiro italo-galego Flavio Morgati, do restaurante Galileo de Ourense, que realizará diversas presentacións con produtos da pesca costeira galega, en concreto con pescadeRías. O xornalista Tomás Alonso (do programa Larpeiros da TVG) acompañará a este profesional da cociña para debullar polo miúdo as posibilidades gastronómicas de especies como lirio, xarda, ourizo, salmonete e navallas entre outros. Será o día 22, á unha do mediodía.

Calidade do agro
A nómina dos produtos de calidade do agro galego que se promocionarán no Forum é moi ampla: Augardentes e licores tradicionais; viños das cinco denominacións de orixe (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras); viños da Terra (de Barbanza e Iria, de Betanzos e de Val do Miño-Ourense); carnes (lacón e tenreira galega); queixos (Arzúa-Ulloa, Cebreiro, Tetilla e San Simón da Costa) e un apartado de "outros" nos que se encadrarían a pataca, os grelos, a castaña, o pemento de Herbón, a Faba de Lourenzá, o Pan de Cea, o Mel de Galicia e tódolos amparados polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).

En trámite de certificación atópanse actualmente diferentes tipos de pementos (Arnoia, O Couto e Oímbra), o botelo e a androia –ambos embutidos estarán amparados con senllas indicacións xeográficas protexidas– e a Tarta de Santiago.

Por último, en fase de estudo encóntranse outros produtos, caso do chourizo, o xamón ou o Capón de Vilalba, que están a dar os seus primeiros pasos para acadar o marchamo de calidade.

Empresas do mar
O posto da Xunta de Galicia contará con coexpositores de 8 empresas diferentes, relacionadas co mundo do mar. Así, participarán as Confrarías de Barallobre, "La Anunciada" de Baiona, "San Martiño", de Bueu, , o Consello Regulador do Mexillón de Galicia "Consemex", a Cooperativa de mergulladores do longueirón de Fisterra, a lonxa de Campelo, Lonxanet e Riveira Peixe Fresco S.L – Pescaldía. Todas teñen en común que son produtores de base e contan con produtos para a comercialización.

A Consellería do Mar ratifica coa súa presencia no Fórum Gastronómico o seu compromiso de promocionar os produtos da pesca e da acuicultura de Galicia.

Promoción dos produtos galegos no mercado italiano
Ademais a Consellería do Mar, a través do director xeral de Competitividade e innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro e da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo estará presente na Feira "Mediterranean Seafood" que se celebrará en Rímini (Italia) dende o 21 ata o 24 de febreiro.

O obxectivo da Consellería, que participará nesta feira cun stand de 192 m2, é promocionar os produtos frescos e transformados do sector pesqueiro galego no mercado italiano así como impulsar a promoción da imaxe nacional e internacional do nosos sector pesqueiro nesta feira internacional.

Especializada en tecnoloxía e produtos da pesca do mediterráneo, na "Mediterranean Seafood" están interesados sobre todo, os sectores do mexillón, tanto fresco como transformado e da acuicultura, sobre todo rodaballo.

O orzamento da Consellería do Mar para esta feira é de 142.500 euros.

Compartir en redes sociais