A Xunta certificou máis de 2.000 toneladas de peixe a marisco co selo pescadeRías no primeiro semestre de 2012, o que supón un incremento do 40%

A Xunta certificou máis de 2.000 toneladas de peixe e marisco

A Consellería do Medio Rural e do Mar certificou máis de 2.000 toneladas de peixe e marisco co selo pescadeRías só no primeiro semestre de 2012, o que supón un incremento de máis do 40% con respecto ao mesmo período do ano pasado. Díxoo a conselleira, Rosa Quintana, na clausura da xornada sobre esta marca de calidade de pesca artesanal, que se celebrou hoxe en Santiago.

A conselleira subliñou o importante impulso que se lle deu a esta marca a través de diversas accións que foron desenvoltas dende o seu departamento para mellorar o seu posicionamento no mercado e entregou durante o acto certificados aos establecementos adheridos á marca.

Rosa Quintana amosouse orgullosa de que na actualidade haxa certificadas con esta marca 22 lonxas e centros de venda, 23 maioristas e 5 transformadores. Tamén hai 36 restaurantes asociados á marca, debido a un convenio asinado coa Confederación Galega de Hostalería. Entre estes establecementos están todos os Paradores Nacionais da Comunidade Galega e a maioría dos restaurantes que contan con estrelas Michelín en Galicia.

"Queremos que a xente pense en Galicia e o relacione cun indicativo de calidade, frescura e garantía", dixo, "e estas condicións veñen acreditadas polo selo pescadeRías". De cara a un avance máis na competitividade dos produtos galegos, na mellora da trazabilidade e na súa comercialización, Rosa Quintana lembrou que se está a ultimar o Decreto de Comercialización, "que fará que cada vez sexamos máis coñecidos no mundo do peixe e do marisco fresco como os produtores de mais calidade e máis esixentes coa seguridade alimentaria do que poñemos no mercado".

pescadeRías
O selo pescadeRías é unha marca de calidade creada e rexistrada pola Xunta de Galicia que acredita que os produtos da pesca artesanal e do marisqueo están convenientemente identificados, teñen un alto nivel de frescura e se comercializan por empresas situadas en Galicia, que cumpren determinados requisitos de calidade, ademais dos esixidos pola lexislación no ámbito da seguridade alimentaria e do respecto do medio ambiente.