A secretaria xeral para o Turismo presidiu o encontro de Confrarías Gastronómicas no Día do Turismo e a hostalería en Xantar

Xantar

A secretaria xeral par ao Turismo, Carmen Pardo, presidiu esta mañá o acto central da segunda xornada da décimo terceira edición de Xantar, que se celebra ata o domingo no recinto feiral de Expourense. Na xornada de hoxe, tivo lugar o VIII Encontro de Confrarías Gastronómicas que por primeira vez neste 2011 pasou de ser Ibérico a ser Internacional porque conta nesta edición coa participación de confrarías procedentes de Francia ademais das confrarías galegas e portuguesas.

Na súa intervención, Carmen Pardo , resaltou a importancia deste evento para os integrantes das confrarías gastronómicas e enófilas e aludiu ao "enorme potencial confraternizador da gastronomía", así como á importante labor que desenvolven estas sociedades gastronómicas no tocante á conservación da cultura culinaria tradicional das vilas e cidades; á recuperación de produtos e pratos tradicionais; á edición de libros, catálogos e recetarios sobre produtos autóctonos; así como á súa gran contribución á conservación da cultura e a tradición gastronómica.

A secretaria xeral tivo tamén unha deferencia coas cidades, provincias e rexións convidadas: Badajoz, Lugo e a Região do Douro, dos que resaltou algunhas das súas especialidades culinarias máis relevantes. Así mesmo, resaltou a importancia de preservar a especificidade culinaria de cada zona porque "a singularidade gastronómica é o mellor e máis auténtico recurso turístico que temos". Explicou tamén que no caso de Galicia, cada un dos xeodestinos turísticos ten na súa singularidade culinaria un dos seus recursos máis valiosos e un "verdadeiro acicate para o desenvolvemento turístico dun territorio". Carmen Pardo destacou tamén que dende o seu departamento se ten considerado a gastronomía como un produto complementario doutro produto turístico pero tamén como un produto principal que require "promoción específica, creación de produto turístico, comercialización e apoio ao sector" por parte da Administración Turística.

Pola súa banda, o subdirector de Pesca e Mercados, Antonio Rodríguez, destacou a gran diversidade de produtos alimenticios que ofrece Galicia, grazas ao binomio terra-mar, que "configura unha oferta gastronómica excepcional, caracterizada pola súa singularidade e calidade". Segundo explicou Maneiro, Xantar é un escaparate que reflicte esa calidade e esa excelencia, sobre todo nesta xornada dedicada aos produtos do mar e que ofrece aos visitantes "a oportunidade de saborear as excelencias da pesca, do marisqueo e da acuicultura", que tamén son froito "do saber facer dos galegos e das galegas" .

Antonio Rodríguez indicou que este eixo de fomento dos produtos de calidade concorda coa política da Consellería do Medio Rural e do Mar e, neste sentido, destacou o apoio aos diferentes sectores pesqueiros e acuícolas de Galicia a través de ferramentas como a Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia ou a marca de calidade para os produtos da pesca artesanal pescadeRías, que, segundo sinalou, supoñen "un importantísimo avance e unha aposta decidida polo camiño do fomento e protección dos produtos de calidade".

Cofrade da Região do Douro
Carmen Pardo foi envestida confrade no que a confraría denomina un acto de entronización dos Enófilos do Douro, unha sociedade que exalta os viños da Denominación de Orixe Região Demarcada do Douro que é a máis antiga do mundo e que se extende ao longo do val do Douro –máis de 26 mil hectáreas declaradas pola UNESCO Patrimonio da Humanidade en 2001-.

No seu discurso como nova cofrade, a secretaria xeral para o Turismo resaltou os nexos de unión que Galicia ten co país veciño e tamén a importancia do Camiño Portugués a Santiago na transmisión da tradición cultural entre ambos territorios. Resaltou a característica común entre os viños galegos e portugueses do seu carácter Atlántico e da súa proxección internacional.