A Consellería do Medio Rural e do Mar promociona os produtos pesqueiros e do agro galego nunha nova edición de Xantar

A Consellería do Medio Rural e do Mar promociona os produtos pesqueiros e do agro galego nunha nova edición de Xantar

A Consellería do Medio Rural e do Mar promocionará os produtos pesqueiros e do agro de Galicia na décimo terceira edición de 'Xantar', salón de gastronomía e turismo organizado por Expourense. Rosa Quintana achegarase ata este certame para apoiar en persoa a promoción das delicatessen que fan da nosa Comunidade un referente no sector gastronómico.

A Consellería do Medio Rural e do Mar estará presente neste evento cun stand institucional de 150 metros cadrados, onde se levarán a cabo diferentes actividades de promoción. Entre elas cabe destacar diversos obradoiros con produtos do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia, así como pratos elaborados con Grelos de Galicia (produto destacado nesta edición) e da marca pescadeRías.

O sector lácteo e os mellores caldos galegos tamén estarán presentes a través da realización de catas comentadas ao público asistente, que poderá gozar ademais dos Meles de Galicia e dos Licores e Augardentes de Galicia. Entre os produtos do mar destacan o polbo e os berberechos entre os principais menús que se presentarán ao público.

Salón de gastronomía e turismo
A XIII edición de Xantar contará cun total de 113 expositores repartidos nunha superficie de 12.000 metros cadrados. O principal obxectivo deste certame é defender a cultura da calidade na gastronomía e potenciala como reclamo turístico.