Vostede está aquí

A Consellería do Mar promove a calidade dos produtos pesqueiros de Galicia coa súa participación en Salimat 2010

Publicado o domingo, 06 Xuño 2010 13:06
A Consellería do Mar promove a calidade dos produtos pesqueiros de Galicia coa súa participación en Salimat 2010

A Consellería do Mar promove a calidade dos produtos pesqueiros galegos coa súa participación na XIV edición do Salón Internacional do Atlántico (Salimat), que se celebrará en Silleda do 10 ao 13 de xuño no marco da Feira Internacional de Galicia Silleda. O obxectivo é impulsar a súa comercialización, evitando a identificación errónea de produtos foráneos coma se fosen galegos.

A Consellería do Mar estará presente neste salón cun stand de 50 m2, no que se presentarán contidos relativos aos produtos do mar e se desenvolverán degustacións de produtos pertencentes á marca pescadeRías, que certifica que os produtos gozan dun alto nivel de frescura e cumpren tódolos requisitos sanitarios, de calidade e ambientais. As degustacións realizaranse entre as 12:30 e as 14:00 horas. Os asistentes poderán probar receitas elaboradas con marisco como croquetas, salpicón e paté. Tamén se poderá degustar polbo, empanada de xoubas, de polbo e de zamburiñas, peixe frito, mexillón á vinagreta e diferentes consevas.

Medio Rural
Nesta feira tamén estará presente a Consellería do Medio Rural cun stand institucional de 80 m2, para apoiar as case medio centenar de adegas pertencentes ás cinco denominacións de orixe de viños e a denominación xeográfica de licores e augardentes de Galicia. Nesta feira profesional traeranse, mediante viaxe e visitas xa concertadas previamente, a uns 150 compradores nacionais e internacionais para reunións de traballo e degustacións personalizadas de cada produto. Paralelamente cada Consello Regulador realizará pequenas presentacións das características e especificidades dos nosos viños e das variedades autóctonas de Galicia acollidos a cada unha das denominacións.

Salimat é un salón dedicado ao sector da alimentación e da gastronomía e nesta edición cobrarán especial protagonismo os encontros internacionais de compradores co obxectivo de facilitar as relacións comerciais entre a oferta expositiva e a demanda. O ano pasado acolleu preto de 2.000 entrevistas de negocio no marco dos Encontros Internacionais de Compradores. Estas reunións puxeron en contacto á oferta expositiva do salón con 50 importadores alimentarios procedentes de 12 países: Dinamarca, Estados Unidos, Polonia, Canadá, Reino Unido, Bélxica, Alemaña, Noruega, Países Baixos, Lituania, Xapón e Rusia, destacando este último pola presencia dunha delegación de 20 compradores.

Compartir en redes sociais