FacebookTwitter

Lume by Lucía Freitas

Lume by Lucía Freitas

Non se pode falar de LUME by Lucía Freitas sen falar de natureza: o concepto máis urbano da cociñeira compostelá, galardoada cunha estrela Michelín no seu restaurante A TAFONA, nútrese de materias primas frescas que chegan case a diario das distintas partes da xeografía galega, da súa terra, do seu mar.

Natureza tamén se nos referimos a este pequeno espazo gastronómico como un ser que vive, respira, sinte o seu entorno e, co mantra slow food a lume de carozo tatuado con luces de neón no seu corazón, é quen de transformarse e adaptarse ás circunstancias do momento: do concepto inicial como barra de tapas con dj en directo, ao espazo actual máis gastronómico, cunha oferta estruturada en dous menús degustación, sen deixar de lado novas iniciativas como Misto Lucía Freitas na casa, o servicio a domicilio da chef que se cociña tamén á calor deste LUME.