Un total de 68 empresas galegas promocionan da man da Xunta os seus produtos do mar e do agro no salón Alimentaria de Barcelona
24/03/2012
A Xunta promocionará os produtos do mar e do agro de Galicia no Salón Internacional de Alimentación e Bebidas Alimentaria, que se celebrará na Fira de Barcelona do 26 ao 29 de marzo. A Consellería do Medio Rural e Mar acompañará a 68 empresas do sector pesqueiro, vinícola, cárnico e lácteo e amosará o seu apoio a todas as empresas galegas asistentes a este certame coa presenza do secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, e o do Mar, Juan Maneiro, que o 28 de marzo se achegarán ata a feira.
A Consellería do Medio Rural e Mar estará presente nos pavillóns Intervín, Intercarn, Interlact e Interpesca e Congelexpo da feira a través de catro stands institucionais que suman algo máis de 1.000 metros cadrados. Deste xeito, o que persegue o Goberno galego é dar a coñecer a calidade dos produtos da pesca e do agro de Galicia, impulsar a súa comercialización, potenciar a súa imaxe e intercambiar experiencias con outros países sobre novas tendencias e retos de mercado.
Produtos do agro
Os viños, carnes e lácteos galegos estarán representados nos pavillóns Intervín, Intercarn e Interlact. En Intervín estarán as 24 empresas coexpositoras do sector vitiviníola galego, así como a representación dos consellos reguladores das cinco Denominacións de Orixe (D.O.) de viño galegas. As 7 empresas coexpositoras do sector cárnico atoparanse no Pavillón de Intercarn e as 7 do sector lácteo no pavillón Interlact.
Nestes tres pavillóns os stands da Xunta albergarán gran variedade de degustacións de produtos, como os queixos galegos con Denominación de Orixe Protexida, a tenreira ecolóxica de Galicia e tamén diversas catas de caldos galegos, entre eles os que acadaron a distinción acio de ouro na Cata dos viños de Galicia 2011 e da D.O. Rías Baixas premiados na Cata-concurso Albariño 2011. Ademais, os asistentes terán a oportunidade de probar as últimas tendencias en combinados de augardente e licores tradicionais de Galicia.
Produtos do mar
Os produtos do mar de Galicia estarán representados nos pavillóns Interpesca e Congelexpo nos que a Consellería terá un stand que compartirá con 30 empresas coexpositoras. Neste espazo realizaranse degustacións de produtos procedentes da pesca artesanal e amparados polo selo de calidade pescadeRías, da D.O.P. Mexillón de Galicia, da vieira galega e de conservas de peixes e marisco de ANFACO-CECOPESCA. Todas estas degustacións irán acompañadas de viños das D.O. de Galicia.
Alimentaria
Alimentaria é un dos salóns de Alimentación e Bebidas máis importantes do mundo. Ten periodicidade bienal e constitúe un evento de referencia que se caracteriza pola máxima especialización da súa oferta -distribuída nesta edición en 14 salóns- a innovación e a vocación exterior. No 2010 contou con preto de 4.000 expositores internacionais, cun total de 75 países representados e foi visitada por máis de 140.000 profesionais da industria agroalimentaria.