Lura
24/08/2023

A lura é un cefalópodo de corpo musculoso, alongado con forma de cilindro comprimido e afiado, terminado con dúas aletas triangulares, a modo de torpedo. As aletas triangulares, con forma de rombo, esténdense desde o extremo final ata a metade do corpo. Posúe unha cuncha interna reducida a unha fina lámina transparente, en forma de pluma.
A súa cor é rosa transparente ou parda con pintas polo dorso. Posúe 10 brazos, 8 cortos e 2 longos que forman os tentáculos, e que utilizan para atrapar as súas presas.
Na boca ten un pico de quitina chamado pico de loro co que tritura as súas presas. Utiliza o sifón do seu corpo para desprazarse bombeando auga a chorro e para expulsar tinta para fuxir dos depredadores.
Posúe unha grande capacidade para mimetizarse co fondo, variando a súa cor como unha reacción a diversos estímulos.
Aliméntase de pequenos peixes, crustáceos, poliquetos e doutros cefalópodos.
O tamaño mínimo sitúase entre 15 e 25 cm.
Podes atopar máis información sobre esta especie neste enlace.