A Xunta leva os produtos frescos da pesca artesanal e do agro ao Forum Gastronomic de Girona para potenciar o seu consumo
20/02/2011

Os produtos galegos do mar e do agro estaán representados dun xeito destacado no Fòrum Gastronòmic, que comeza hoxe en Girona e remata o 23 de febreiro da man da Consellería do Mar e do Medio Rural.
A Consellería do Mar organizou un taller que, da man dos cociñeiros de renome Taky Rodríguez e Héctor López, amosará en directo as virtudes da pesca artesanal que conta co selo de garantía pescadeRías. Os dous chefs darán a coñecer mañá luns as moitas posibilidades que ofrecen estes produtos como ingrediente de partida, tanto en pratos tradicionais como en outros de vangarda e farano ante un público seleccionado de 90 destacados profesionais e xornalistas especializados.
Pola súa parte, Medio Rural promocionará os produtos de calidade do agro galego. As cinco denominacións de orixe vinícolas Rías Baixas, Valdeorras, Monterrei, Ribeira Sacra e Ribeiro- estarán presentes con diferentes catas e talleres que se realizarán ao longo destes catro días. Os produtos do sector cárnico -Ternera e Lacón gallegos-, que contan cun peso destacado neste sector a nivel nacional, deleitarán aos visitantes co tan coñecido Pan de Cea. Pero tampouco pode faltar a representación dos produtos máis enxebres da horta galega, que gañan presenza nos menús particulares e profesionais e que tampouco faltan a esta cita imprescindible no mundo da gastronomía, así, a Faba de Lourenzá, a Pataca e Grelos de Galicia tamén terán un espazo no stand da Xunta. As catro denominacións de orixe protexida do sector lácteo -Queixo Tetilla, Arzúa-Ulloa, Cebreiro e San Simón- xunto coa Tarta de Santiago e Mel de Galicia contarán tamén coa súa representación.
A Consellería do Medio Rural ofrecerá mañá un taller de viños baixo o título de "Viños e tapas de Galicia: unha viaxe ao futuro", que estará amenizado con viño da denominación de orixe Valdeorras e que terá lugar no Ateneo.
Ambas consellerías queren potenciar e promover o consumo dos produtos galegos nesta feira, considerado un dos puntos de encontro e actualización de referencia obrigada para os profesionais e os amantes da gastronomía. De feito, a directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais de Medio Rural, Alejandra Álvarez de Mon, achegouse ata a feira para dar a coñecer a oferta de Galicia neste escaparate gastronómico nacional. Ademais, e durante os catro días da feira, un stand da Xunta de Galicia, con produtos procedentes do mar e da terra galegos, achegará información a uns visitantes de marcado perfil profesional e especializado.
pescadeRías, un selo da máxima garantía
A marca pescadeRías é unha marca de calidade que garante produtos frescos da pesca e marisqueo artesanal, contribuíndo á sustentabilidade, social, económica do sector e asegurando a explotación racional dos recursos. Coa etiqueta de pescadeRías contrólase todo o ciclo que seguen dos produtos, dende a captura ata a venda. Nela especifícanse a zona de orixe, a especie, a lonxa de procedencia ou a data de venda, polo que ofrecen unha garantía real e tanxible aos consumidores da procedencia dun produto de contrastada calidade aportando unha seguridade total no proceso de compra.
Dende a súa creación lévanse certificados máis de 7 millóns de quilogramos de 100 especies mariñas. Actualmente acóllense a este distintivo 20 lonxas, 8 centros de depuración e cetáreas, 12 distribuidores e 4 empresas de transformación.
Traxectorias de Héctor López e Taky Rodríguez
Héctor López comezou traballando no restaurante da súa familia dende moi novo e despois de cursar hostelería en Santiago formouse con prestixiosos cociñeiros como Pedro Subijana e Toño Pérez, entre outros. Hoxe en día traballa no restaurante España, en Lugo.
Javier "Taky" Rodríguez exerce actualmente no Catering Boketé de A Coruña. No 2000 foi campión de España de cociñeiros e suma outros galardóns coma o 10 posto no Bocuse D'or de 2001, unha medalla de bronce no certame europeo de sabores rexionais e 3 campionatos galegos. A súa traxectoria profesional realizouse en prestixiosos restaurantes coma El Bulli (Roses), Arzak (Donosti), Hotel Savoy (Londres), Casa Solla (Poio), Casa Pardo (A Coruña), Ronald Reagan Building Catering Services (Washington).
O Fòrum Gastronòmic 2011
O Fòrum Gastronòmic 2011 é parte dunha traxectoria xa consolidada que se iniciou no 1999 e que dende o 2008 está ligada a Santiago de Compostela, xa que foi a súa sede nos anos 2008 e 2010 e volverá selo no 2012. O perfil profesional dos seus visitantes facilita que as accións de divulgación que se levan a cabo nel cheguen a un auditorio sensibilizado. Nas súas últimas edicións, as súas actividades atraeron a máis de 30.000 visitantes.