A Xunta leva certificadas máis de 1.500 toneladas de peixe e marisco co selo PescadeRías no primeiro trimestre de 2012

A Xunta leva certificadas máis de 1.500 toneladas de peixe e marisco co selo pescadeRías no primeiro trimestre de 2012. Esta cifra supón un incremento de máis do 45% na certificación de produto da pesca artesanal destinado á primeira venda en comparación co mesmo período do ano pasado. Deste xeito dáse continuidade ao aumento significativo que está a experimentar esta marca, que é froito da reorientación que realizou a Consellería do Medio Rural e do Mar a través de accións realizadas para mellorar o seu posicionamento no mercado.

A evolución desta marca de calidade tamén se reflicte nos establecementos adheridos a ela. De feito, a día de hoxe hai certificadas 22 lonxas, 24 maioristas e 5 transformadores. Tamén hai 36 restaurantes asociados á marca, grazas ao convenio asinado no 2011 coa Confederación Galega de Hostalería -CEHOSGA-. Entre estes establecementos están todos os paradores da comunidade galega e a maioría dos restaurantes que contan con estrela Michelín en Galicia.

Outra acción desenvolvida polo departamento de Rosa Quintana para impulsar pescadeRías é a campaña iniciada en decembro de 2011 a través da que 488 supermercados dos grupos Gadisa, Vegalsa e Froiz, venden diferentes produtos, como berberecho, ameixas, ou navalla, etiquetados con este selo. Ademais a Consellería puxo a disposición dos consumidores e das empresas certificadas o novo portal portal web do selo www.pescaderiasdeondesenon.com e a guía metodolóxica que pretende orientar aos usuarios da marca, facilitándolle o seu traballo.

A maiores, a Consellería do Medio Rural e do Mar colabora coa de Economía e Industria en informar aos vendedores polo miúdo, especialmente nos mercados de abastos, onde se comercializa unha gran cantidade de produto certificado.

O selo pescadeRías é unha marca de calidade creada e rexistrada pola Xunta de Galicia que acredita que os produtos da pesca artesanal e do marisqueo están convenientemente identificados, teñen un alto nivel de frescura e se comercializan por empresas situadas en Galicia, que cumpren determinados requisitos de calidade, ademais dos esixidos pola lexislación no ámbito da seguridade alimentaria e do respecto do medio ambiente.