A Xunta de Galicia promociona en Madrid os produtos gastronómicos galegos de calidade coa campaña Saborea Galicia

Saborea Galicia

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, a conselleira de Mar, Rosa Quintana, a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, e o delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega, presentaron hoxe no histórico mercado de San Miguel en Madrid a campaña de promoción gastronómica Saborea Galicia. Ata o 21 de novembro, o evento reúne medio millar de referencias gastronómicas de calidade entre denominacións de orixe galegas, indicacións xeográficas protexidas e produtos ecolóxicos.

Con esta promoción da Xunta de Galicia, os que se acheguen a Saborea Galicia poderán degustar e mercar os mellores produtos gastronómicos galegos ademais de informarse sobre os valores turísticos da Comunidade. Turgalicia instalará 12 postos de venda dos alimentos e bebidas estrelas da nosa comunidade e cada día estará dedicado a unha materia prima diferente. Ademais, haberá diferentes puntos informativos sobre a cociña galega e Galicia como destino turístico e gastronómico.

Durante a presentación, o conselleiro Roberto Varela asegurou que esta orixinal campaña da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo co apoio das consellerías de Mar e Medio Rural, "concentra neste senlleiro mercado a maior mostra gastronómica con referencias de calidade de Galicia que se puido reunir nunha sola promoción; todo elo, co obxectivo de difundir os valores dos nosos produtos culinarios e da nosa cociña". Neste sentido, o conselleiro de Cultura e Turismo explicou que "máis de medio millar de referencias gastronómicas, das cales 29 son denominación de orixe e indicacións xeográficas protexidas, estarán presentes nesta exposición dos produtos galegos de calidade, que poderán ser degustados e adquiridos por todos aqueles que visiten estes días as instalacións do Mercado de San Miguel".

Roberto Varela afirmou que a gastronomía converteuse nos últimos anos nun "atractivo turístico de primeiro orden para todo aquel que conte con sinais de identidade claramente definidas". "En Galicia o aspecto gastronómico, segundo declaran os turistas que nos visitan, converteuse na segunda motivación para viaxar a nosa Comunidade, despois do factor natureza-cultura e, por iso mesmo, durante dez días achegaremos a nosa materia prima e a nosa cociña a todos os madrileños e visitantes da capital de España", engadiu.

Segundo recordou o conselleiro, a gran fama da que goza a gastronomía galega "non sería a mesma sen a excelente calidade dos produtos que se empregan e o bo facer dos nosos cociñeiros, posto que contamos con nove restaurantes posuidores da estrea michelin, dato que nos sitúa nos primeiros postos de España en canto ao número distincións". Na súa intervención, Roberto Varela destacou a "completa oferta gastronómica de Galicia, con máis de 5000 restaurantes distribuídos por toda a nosa xeografía coa que conseguimos ofertar unha cociña apta para todos os petos e para todos os gustos".

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, demostrou coa súa presenza neste evento que é unha prioridade do seu departamento a promoción dos produtos do mar galegos para potenciar o seu consumo. A Consellería do Mar colabora nesta campaña do xeito "máis práctico e sensorial" da promoción, é dicir, coa elaboración, degustación e venda de tapas realizadas a base de produtos pesqueiros galegos e de peixe e marisco selado coa marca de calidade pescadeRías. Cabe lembrar que a marca pescadeRías acredita que os produtos pesqueiros foron capturados como máximo 24 horas antes da súa primeira venda, están convenientemente identificados, gozan dun alto nivel de frescura e comercialízanse nunha lonxa que cumpre determinados requisitos.

Pola súa banda, o delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega, destacou a importancia do evento Saborea Galicia, celebrando o acertado do slogan e o contido da oferta gastronómica que coloca a Galicia entre as rexións con máis sólida referencia turística e cultural. Sinalou que en Galicia habitaban os deuses pagáns do Mar, a Terra e o Aire para facer do Noroeste unha tierra idílica, un paraíso único.

Programa 'Saborea Galicia'
Os 12 postos de venda instalados por Turgalicia neste mercado de San Miguel estarán atendidos por dúas persoas especializadas nos diferentes produtos. No interior dos postos, que estarán decorados coa imaxe característica desta promoción, exhibiranse produtos galegos das distintas denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas relacionadas cos sectores dos queixos, a carne, os produtos da horta, a panadería, a pastelaría, os produtos do mar, o mel e a castaña. Tamén se potenciará a imaxe dos viños das cinco denominacións de orixe, así como os viños da terra e as bebidas espiritosas. Ademais, grazas a un punto informativo instalado neste mercado difundiranse tamén os valores dos produtos con certificación ecolóxica e informarase das posibilidades que ofrece Galicia como destino turístico e gastronómico.

Na promoción Saborea Galicia está previsto que se desenvolvan xornadas específicas para mercar e degustar os distintos produtos da gastronomía galega. Así, as xornadas de hoxe e mañá día 13 estarán dedicadas aos cogomelos, as castañas e ás fabas, que serán protagonistas da cociña do mercado. Os días 14 e 15 de novembro estarán dedicados ao peixe e ás conservas, mentres que os mariscos serán os protagonistas das xornadas do 16 e o 17 de novembro. Os días 18 e 19 haberá promocións especiais das carnes galegas e, dos queixos, os días 20 e 21 de novembro. Ademais, realizaranse dúas catas maridadas diarias con viños, unha ás 13,00 e outra ás 21,00 horas.