A Consellería do Mar apoia 24 empresas do sector marítimo a promocionar os seus produtos no Salón Gourmets de Madrid

A Consellería do Mar apoia 24 empresas do sector marítimo a promocionar os seus produtos no Salón Gourmets de Madrid

A Consellería do Mar promocionará os produtos pesqueiros frescos e transformados de Galicia na XXV edición do Salón de Gourmets 2011 que se celebrará en Madrid do 11 ao 14 de abril. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o director xeral de Competitividade e Innovación, Juan Maneiro, achegaranse ata a feira e farán un percorrido polas instalacións para apoiar ás 24 empresas galegas presentes neste certame. A Consellería busca, coa participación na feira, promocionar os produtos do mar galego no ámbito das delicatessen nun mercado español e europeo.

A Consellería do Mar estará presente no evento cun stand de 432 metros cadrados. Alí ofrecerá 10 degustacións durante o certame, 5 delas conxuntas coa Consellería de Medio Rural. Así, o luns están programadas tres catas, unha a cargo do Grupo de Acción Costeira da Guarda, outra de Mexillón de Galicia e a terceira correrá a cargo de Conservas e ahumados Lou.

O martes celebraranse dúas degustacións máis a cargo de Conservas Ramón e Salimar. Ao día seguinte, ás 11:00, os asistentes poderán probar as conservas de Cambados, ás 12:15 os produtos da marca pescadeRías, e a continuación, Alimentos Javimar e Boiromar Seafood presentarán os seus produtos en dúas catas diferentes.

Degustación e promoción da campaña O sabor da aventura está no mar
Tamén o martes, ás 12:15, a Consellería promocionará na feira a campaña O sabor da aventura está no mar cunha degustación dirixida a directores de centros educativos, empresas de comedor e responsables de catering de colexios. Alí dará a coñecer os obxectivos deste programa, que se está a desenvolver nos colexios públicos galegos, e ofrecerá algúns dos pratos que se serven nos centros para potenciar o consumo do peixe fresco entre os nenos, como empanada de troita, fideos con mexillón, pescada orly e albóndegas de xurelo. A maiores, o mércores, Rosa Quintana achegarase ata un colexio madrileño para dar a coñecer esta campaña, que contempla, ademais destes menús, un obradoiro lúdico e didáctico para concienciar aos alumnos das propiedades nutritivas do peixe.