Vostede está aquí

Samuel Juárez inaugurou esta mañá en Silleda a 33a edición da Semana Verde de Galicia

Publicado o xoves, 10 Xuño 2010 13:09
Samuel Juárez inaugurou esta mañá en Silleda a 33a edición da Semana Verde de Galicia

O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, inaugurou esta mañá a 33ª edición da Semana Verde de Galicia, celebrada no concello pontevedrés de Silleda. No acto estiveron presentes o alcalde en funcións do municipio, Javier Presas, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, o vicepresidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Xosé Crespo Iglesias, a directora xeral da Fundación Semana Verde, Paloma Hidalgo López e outras autoridades.

Samuel Juárez gabou a vocación que mantén a vila de Silleda por desenvolver, modernizar e mellorar de maneira constante os sectores agrario, gandeiro e forestal de Galicia a través deste certame. Felicitou a tódolos axentes implicados na produción agroalimentaria, representados nesta feira, e non dubidou en afirmar que a actividade agraria, gandeira e forestal son sectores estratéxicos para os galegos. O titular de Medio Rural manifestou o seu compromiso na continuación destas feiras que contribúen a difundir os avances técnicos no rural e serven como punto de encontro sectorial.

A Semana Verde de Galicia representa a maior feira de mostras e ocio de Galicia e convértese nun referente en toda España. Unha feira que ofrece un amplo abanico de actividades de temática variada o cal permite ao visitante gozar da gran oferta en artesanía, decoración, gandería autóctona, xardinería, hípica e gran diversidade de produtos.

Novidade
Nesta edición cabe destacar a 1ª edición dos Xogos Ecuestres de Galicia, que agrupará competicións de 5 disciplinas hípicas distintas, congregando a máis de 300 cabalos de distintos puntos de España en competicións oficiais. Estes xogos están respaldados pola Federación Hípica Galega e constitúen un evento pioneiro en Galicia e España polo seu novidoso plantexamento.

Gandería
As exposicións gandeiras de razas autóctonas e razas selectas de ovino e caprino son un dos grandes reclamos desta feira, que permiten diversificar e complementar a actividade económica agraria e recuperar a produción de calidade no campo. Ao longo destes catro días de mostra haberá numerosas exposicións e exhibicións das seis razas autóctonas bovinas, ovella galega, porco celta, galiña de Mos, cabalo de pura raza galega e o can de palleiro.

Espazo ornamental
Tamén hai un oco para a produción ornamental, composto por un espazo axardinado onde os visitantes poderán gozar dunha mostra das variedades e posibilidades da produción galega. O Centro de Experimentación e Formación Agroforestal de Lourizán é o encargado de elaborar o deseño e dirección técnica deste apartado, colaborando coa Asociación Galega de Produtores de Planta Ornamental (Asproga).

Salimat
O Salón de Alimentación do Atlántico achegarase á súa 14ª edición. A Consellería do Medio Rural instalará un stand de 80 metros cadrados na que se exporán más de vinte denominacións de calidade diferenciada relacionadas co sector agrario. Nos Encontros Internacionais de Compradores, a Consellería concertou reunións de traballo con máis de 150 compradores nacionais e internacionais.

A Consellería do Mar tamén estará presente neste salón cun stand de 50 m2, no que se presentarán contidos relativos aos produtos do mar e se desenvolverán degustacións de produtos pertencentes á marca pescadeRías. Os asistentes poderán probar receitas elaboradas con marisco e outros produtos coma o polbo, empanada de xoubas e zamburiñas, peixe frito, mexillón á vinagreta e diferentes conservas.

Compartir en redes sociais