Rutas gastronómicas da campaña ‘Galicia sabe aMar’

PescadeRías

O pasado 15 de marzo, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do mar, Rosa Quintana, asistiron na praza do Obradoiro á posta de longo de catro rutas de foodtrucks que percorrerán preto de 260 municipios de toda España vencellados co Camiño de Santiago para promocionar a calidade e versatilidade dos produtos galegos do mar ao abeiro da campaña Galicia sabe aMar e animar á cidadanía a consumilos.

Os catro vehículos percorrerán case 6.400 quilómetros deses máis de 250 municipios que suman arredor de 13 millóns de habitantes e permanecerán neles entre un e tres días ofrecendo unha degustación ao mediodía e outra pola tarde. En total realizaranse preto de 1.000 degustacións e serviranse máis de 200.000 petiscos.

As persoas que se acheguen a estas foodtrucks rotuladas co lema Galicia sabe aMar poderán probar algunhas das 10 receitas que se van elaborar con produtos certificados do mar (como o berberecho de Noia, o bonito do norte, o mexillón de Galicia ou peixes e mariscos co selo pescadeRías, ¿de onde se non?) xunto con outros da terra con denominación de orixe como as fabas, o mel, os pementos, os queixos, o pan e as patacas.

A primeira das catro rutas gastronómicas partirá de Santiago de Compostela e finalizará en Irún tras percorrer cidades como A Coruña, Ferrol, Xixón, Santander, Bilbao a San Sebastián. Este mes a súa presenza en Galicia centrarase en Santiago de Compostela (do 16 ao 18), Rianxo (o 19 e o 20), Boiro (23 e 24), A Pobra do Caramiñal (25) e Ribeira (26 e 27).

A segunda ruta pasará por Lugo, León, Burgos e Logroño antes de rematar en Pamplona. Nestes primeiros días visitará Negreira (16), Vimianzo (17), Zas (18), Santa Comba (19 e 20), Coristanco (23), Cerceda (24) e Ordes (25 e 26).

A terceira foodtruck terá como principais paradas Pontevedra, Vigo, Ourense, Zamora, Salamanca, Cáceres, Mérida e Sevilla. Non obstante, o seu percorrido por Galicia fará que pase por Ames (16 e 17), Brión (18), Salvaterra de Miño (19), Teo (os días 22 e 23), Padrón (24), Valga (25) e Caldas de Reis (26).

O cuarto itinerario pasa por Astorga, Valladolid, Segovia, Madrid, Toledo, Albacete e remata en Valencia. Antes de dar o salto a territorio nacional visitará mañá Vila de Cruces, o venres e o sábado Lalín, o domingo Silleda, os días 22 e 23 A Estrada, o 24 Ponte Caldelas, o 25 Salceda de Caselas, o 26 Vedra e o 28 de febreiro e o 1 de marzo, Ponteareas.