Feiras profesionais | Prazos para participar como empresa coexpositora
09/02/2026
O vindeiro 12 de febreiro abrirase o prazo para que as empresas de comercialización de produtos do mar poidan solicitar a súa participación como coexpositoras nas feiras profesionais ás que acudirá a Consellería do Mar durante o segundo semestre do ano. Trátase dunha convocatoria dirixida a facilitar a presenza do sector galego en eventos de referencia, tanto a nivel nacional como internacional, nos que dar a coñecer a calidade, diversidade e trazabilidade dos peixes e mariscos de Galicia.
A participación nestas feiras supón unha oportunidade para reforzar a visibilidade dos produtos do mar galegos, establecer contacto directo con compradores, distribuidores e profesionais do sector, así como explorar novas oportunidades comerciais e coñecer as tendencias do mercado. A presenza conxunta baixo o paraugas institucional da Consellería do Mar permite, ademais, optimizar recursos e proxectar unha imaxe común do sector.
As empresas interesadas poderán consultar a relación de feiras previstas e tramitar a súa solicitude a través de Feimar, a plataforma habilitada para a xestión das inscricións. Desde esta ferramenta centralízase toda a información relativa aos eventos, requisitos de participación e prazos.