Comeza a veda do polbo en Galicia

Veda polbo

Hoxe 30 de abril ás 16:00 horas, comeza a veda do polbo en Galicia, que durará ata o vindeiro 5 de xullo. Así aparece recollido no plan experimental para a xestión deste cefalópodo para a campaña 2021/2022.

As capturas desembarcadas o 30 de abril poderán ser comercializadas tamén o 1 de maio naquelas lonxas nas que tradicionalmente se viñesen realizando vendas de polbo os sábados.

Segundo establece o plan, a partir do día 5 de xullo ata o 31 de agosto, a cota máxima de captura desta especie é de 30 quilogramos por barco e día. A esta cantidade engádenselle 30 quilogramos ao día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 210 quilogramos ao día. No resto da campaña a cota máxima será de 50 quilogramos por embarcación e día, cantidade á que se lle engaden 50 quilogramos ao día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 350 quilogramos diarios.