Artesa Rías Baixas S.L. obtén o selo Galicia Calidade
20/02/2025
Artesa Rías Baixas S.L. obtivo o selo de garantía Galicia Calidade, que suma á certificación PescadeRías de onde se non? que xa posuía.
A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, entregou o certificado nas instalacións da empresa, situadas no Polígono de Barro (Pontevedra). Durante a visita, destacou o compromiso de Artesa Rías Baixas coa calidade e a sustentabilidade.
A empresa, que iniciou a súa actividade hai máis de dous anos, dedícase ao procesamento e posta en valor de produtos procedentes da pesca extractiva artesanal de Galicia, ofrecendo ao mercado produtos das lonxas galegas tratados con esmero e cumprindo todos os requisitos sanitarios e de trazabilidade. En 2024, Artesa Rías Baixas facturou 3 millóns de euros e conta con 36 empregados, na súa maioría mulleres.
Entre os produtos que procesa e comercializa atópanse a vieira galega, a navalla, as ovas de ourizo, a volandeira, o polbo galego e o bonito de Burela. O seu principal mercado é a restauración galega, mantendo un contacto próximo e comprometido tanto co sector primario como co cliente final.