Actividades co CIFP Carlos Oroza

pescadeRias

Estivemos no Espazo Oroza da Praza de Abastos de Pontevedra co alumnado do ciclo de Dirección de Cociña do CIFP Carlos Oroza para desenvolver unha actividade práctica centrada no coñecemento dos produtos do mar. Durante a xornada visitamos os postos de peixes e mariscos da praza e abordamos o recoñecemento e a diferenciación de especies de peixes e mariscos, así como a identificación do sexo nos crustáceos.

O alumnado afondou tamén na interpretación da información das etiquetas, con atención á trazabilidade, á orixe do produto e ás garantías de seguridade alimentaria. A actividade permitiu achegar os futuros profesionais da cociña á realidade da praza e ao valor do produto fresco. Reforzouse así a importancia de coñecer en profundidade o que se cociña para tomar decisións responsables, informadas e aliñadas coa calidade e a sustentabilidade do sector.