A Consellería do mar impulsa o mexillón de Galicia no mes de decembro a través de distintas iniciativas promocionais

A Consellería do mar impulsa o mexillón de Galicia no mes de decembro a través de distintas iniciativas promocionais

A Consellería do Mar impulsa o mexillón de Galicia no mes de decembro a través de dúas campañas promocionais e dunhas xornadas gastronómicas que poñen en valor este produto. O obxectivo destas iniciativas é mellorar a comercialización do mexillón galego durante o Nadal, incrementar a súa competitividade fronte a produtos foráneos, potenciar a Denominación de Orixe Protexida e proporcionar unha maior información aos consumidores. Neste sentido, a consellería realizou ademais en novembro o concurso profesional de cociña dedicado a este produto. A estas campañas e accións destina máis de 200.000 euros.

No que respecta ás campañas, a Consellería está a facer a promoción do Mexillón de Galicia en máis de 300 valos publicitarios e en máis de 500 puntos de venda de cidades de toda Galicia utilizando respectivamente os slogans Unha fonte de pracer e Hoxe pide Mexillón de Galicia. Unha fonte de pracer. Nos puntos de venda –mercados de abastos, supermercados e grandes superficies- repartiranse en total ao longo do mes máis de 500.000 trípticos, 3.000 pezas para colgar coa creatividade da campaña e 6.000 carteis por establecementos comerciais de toda Galicia.

Por outra banda, a Consellería, en colaboración con Cehosga, está a desenvolver, nas sete principais cidades galegas, as Xornadas Gastronómicas do Mexillón de Galicia nas que participan 88 empresas de restauración que inclúen nas súas cartas e menús un mínimo de dúas referencias que teñen como principal ingrediente o mexillón galego.

A Consellería do Mar destaca a importancia das accións de promoción deste tipo de cara a recuperar os hábitos de consumo do mexillón galego despois dos períodos de tempo con dificultades por parte dos produtores para manter un bo nivel de abastecemento do mercado debido a afección da toxina lipofílica.

Feira de Mostras da Coruña
Estas e outras campañas desenvolvidas pola Consellería do Mar están presentes na Feira de Mostras da Coruña Femaga – que se está a celebrar dende o 4 de decembro ata o mércores 8- nun stand institucional de preto de 50 m2 no que os asistentes poden coñecer estas iniciativas que impulsan o consumo de mexillón e doutros produtos do mar como a marca pescadeRías, e as campañas Mar Achega, O sabor da aventura está no mar e Ponlle as pilas ao teu bocata.