A conselleira do Medio Rural e do Mar visita as empresas galegas presentes na feira Conxemar
02/10/2013
Vigo, 2 de outubro de 2013.- A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, visitou esta mañá as empresas galegas presentes na Feira internacional de produtos do mar conxelados CONXEMAR. Rosa Quintana trasladou o seu apoio a todos os axentes do sector presentes neste encontro mundial do peixe conxelado.
A Consellería do Medio Rural e do Mar participa nesta feira cun stand de 150 metros cadrados, que ao longo destes días serviu de lugar de encontro para empresarios e profesionais na procura de potenciar o desenvolvemento do sector.
Galicia conta na actualidade con 113 empresas dedicadas a conxelar produtos do mar antes de ser comercializados. Estas industrias facturaron 2.112 millóns de euros e deron emprego a máis de 8.000 persoas, segundo o último balance oficial. Para impulsar a innovación e a modernización da industria transformadora e comercializadora dos produtos do mar de Galicia, a Xunta destinou nos últimos catro anos máis de 160 millóns de euros.
Conxemar
Conxemar é a Asociación española de maioristas, importadores, transformadores e exportadores de produtos da pesca e a acuicultura. Este colectivo, formado por 222 empresas españolas, suma unha facturación anual de máis de 6.400 millóns de euros e conta con máis de 13.200 empregados.