Rosa Quintana considera un avance para Galicia na PCP os últimos acordos acadados sobre comercialización e trasformación

Rosa Quintana considera un avance para Galicia na PCP os últimos acordos acadados sobre comercialización e trasformación

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe que os acordos parciais sobre comercialización e transformación acadados a semana pasada no Consello de Ministros de Pesca "se adecúan aos intereses de Galicia" e abre a porta a incluír melloras na futura Política Común de Pesca. Así o asegurou na inauguración da XIII edición do congreso de produtos do mar da Asociación de Fabricantes e Distribuidores, AECOC, que tivo lugar esta tarde en Vigo e que reúne ás principais empresas pesqueiras de España.

A titular de Medio Rural e Mar sinalou que os aspectos consensuados en relación á Organización Común de Mercados de produtos da pesca e da acuicultura "coinciden en boa maneira" coas propostas que defende Galicia. Entre eles destaca o reforzo do papel das Organizacións de Produtores como entidades capacitadas para a regulación dos mercados. Tamén existe a proposta da Comisión Europea e do Consello de Ministros para analizar a creación dun Consello Consultivo vinculado á transformación e comercialización.

Ademais, lembrou a conselleira, considerouse a importancia de contar cunha diferenciación de produtos "a través do subministro de información clara e concisa aos consumidores". Outra das demandas da comunidade galega apoiada no Consello de Ministros foi a importancia de avanzar cara a un mercado único no que se endurezan os controis nas importacións "para impedir o dumping laboral, económico e ambiental e conseguir a igualdade de condicións entre os produtos pesqueiros da Unión Europea e os produtos importados", sinalou.

Outras accións
Durante a súa intervención, Rosa Quintana, mencionou outras accións que desenvolve a Xunta de Galicia para "conseguir que a trazabilidade do produto galego sexa impecable" e que continúe sendo considerado un produto de gran calidade que pode consumirse con todas as garantías de seguridade. Entre elas salientou a rede de caixeiros TICPESC, que a Xunta instalou en diferentes portos galegos e que permiten obter documentos e emitir o etiquetado do peixe descargado en lonxa.

Ademais a conselleira tamén se referiu ás medidas de divulgación para revalorizar os produtos galegos e impulsar o seu consumo. Unha delas é o selo de calidade pescadeRías, que acredita que os produtos da pesca artesanal e do marisqueo están correctamente identificados, que teñen un alto nivel de frescura e que son comercializados por empresas ubicadas en Galicia.

Outra das medidas realizadas pola Xunta son as campañas para impulsar o consumo de peixe entre os máis pequenos. Unha delas é O sabor da aventura está no mar, realizada en colexios públicos de Galicia e que combina accións lúdico-formativas con degustación de racións realizadas a base de peixe e marisco.

Por último a conselleira agradeceu a AECOC o labor que desenvolve para conseguir aportar eficiencia ao sector marítimo profesional e amosou o apoio e colaboración da administración neste cometido.