pescadeRías acada cifras récord e consolida o seu crecemento en 2025

pescadeRias

A marca pescadeRías de onde se non? pechou o ano 2025 con resultados históricos que consolidan o seu papel como selo de referencia para o produto do mar galego. Durante o pasado exercicio certificáronse arredor de 19.300 toneladas de peixe e marisco, o que supón un incremento do 27,45 % respecto ao ano anterior e o segundo mellor rexistro desde a súa creación.

Este crecemento reflíctese tamén na estrutura da marca, que conta cunha ampla rede de 541 entidades, das cales 144 están certificadas e 397 adheridas. Este ecosistema inclúe lonxas, distribuidores, centros de depuración e empresas transformadoras, así como comerciantes e restauradores comprometidos coa trazabilidade e a calidade do produto.

No ámbito da comercialización, destacan as lonxas de Ribeira, Portosín, Portonovo e Corcubión como principais puntos de primeira venda certificada, que concentran unha parte significativa do volume total. En canto á tipoloxía de produtos, os peixes continúan a liderar a distribución cun 75,31 %, seguidos dos bivalvos (14,47 %) e dos cefalópodos (5,39 %).

Estas cifras confirman a consolidación da marca como garantía de orixe, frescura e sustentabilidade, o que reforza a diferenciación no mercado dos produtos procedentes da pesca artesanal galega e achega valor a toda a cadea.