Vostede está aquí

Empanada de chocos Imprimir

Empanada de chocos
Ingredientes

Para a Zaragallada 

  • 200 ml de aceite de oliva virxe
  • 1 pemento vermello
  • 2 cebolas grandes
  • 2 dentes de allo
  • Sal
  • 2 chocos medianos (650 g +- cada un) coa súa tinta (mércanse frescos e se conxelan uns días)
  • 2 tomates medianos ou 3 pequenos
  • 2 follas de loureiro
  • 2 ou 3 culleradas de viño branco

Para a masa

  • 500 g de fariña de millo (pode mesturarse branca e amarela ao 50%,)
  • 200 g de fariña de centeo
  • 1 cullerada sopeira rasa de sal
  • 15 g de fermento fresco
  • Auga

A blogger Emilia Santiago (http://www.cousasdemilia.com) comparte con nós esta receita que presentou no especial da TVG “O mellor choco do mundo”. Unha receita tradicional cun produto de primeira das nosas costas.

                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                            

Preparación:

O choco lávase e déixase escorrer moi ben, córtase en anacos pequenos e resérvase.
O pemento córtase en tiras de 1 centímetro e despois en 4 ou 5 anacos cada tira. Picamos as cebolas en xuliana gorda e o allo moi miúdo. Os tomates pelados córtanse en anacos pequenos.
Nunha tixola con aceite engádese o pemento a cebola e mailo allo e o sal, deixase facer ata que a cebola empece a estar transparente.
Engadimos os chocos, remexemos e a continuación botámoslle o tomate e o loureiro, deixase cocer un cuarto de hora a temperatura media. Pódese facer con ou sen tinta. No caso de poñerlle tinta, engádeselle agora, mesturar ben e deixar cocer 10 minutos máis. Os chocos teñan que quedar ao dente. Deixamos arrefriar.

Para facer a masa, a fariña de millo peneirase. O mesmo a de centeo.
Quentamos un litro de auga e cando ferva botámoslle un vaso (200 ml) de auga fría para acadar unha temperatura que vai ben.
Poñemos a fariña de millo nun recipiente, mesturamos o sal, facemos un oco no medio e imos engadindo auga pouco a pouco, mesturando coa fariña ata que se forme unha masa branda, sobre esta desfacemos coas mans o fermento, botamos o aceite e puñados de fariña de centeo, mesturando coa culler de madeira. Cando a masa deixa de pegarse as paredes do recipiente está lista. Formamos unha bola, marcamos suavemente co dorso da man unha cruz, tapámola cun pano suave e deixámola nun sitio cálido para que medre. Tarda entre 20-25 minutos, cando empeza a rachar está lista.
Aquecemos o forno a 180º. Cubrimos unha bandexa con papel de forno e comezamos a montar a empanada. A masa de millo é moi branda e non se pode estirar cun rolo, hai que ir collendo coa man pequenas cantidades de masa, estiralas na man, e ir poñéndoas na bandexa pegadas unhas ás outras. Para evitar que se pegue ás mans teñen que estar impregnadas de aceite ou usar guantes de vinilo.
Unha vez que teñamos toda a bandexa cuberta de masa estendemos a zaragallada e volvemos de novo a facer pequenas tortiñas para ila tapando. Marcamos as racións cun coitelo e metémola no forno uns 35-40 minutos.

Compartir en redes sociais