FacebookTwitter

Abadexo

Abadexo

Ten un corpo esvelto de cor parda verdosa e prateada nas costas.

Os exemplares novos (corbelos ou sarretas) teñen cores moi vivas e son dunha gran fermosura no momento da captura. A queixada inferior do abadexo é moi prominente e non ten barbas.

Trátase dun peixe moi común no litoral galego. Péscase con volantas (os grandes) e ao trasmallo (os novos), e na pesca máis tradicional con liñas. Outra arte utilizada para a súa captura é o curricán.

O abadexo é un peixe branco de extraordinaria calidade. Algo que non podemos perder nunca de vista con esta especie é a súa conservación e frescura: deteriórase con moita rapidez e, por iso, temos que extremar os coidados na manipulación.

É un dos reis da caldeirada, co seu punto xusto de cocción, patacas e un rustrido de allo por riba. Pódese preparar tamén rebozado á "romana" ou á grella. Se é grande e quere dedicarlle pouco tempo, métao no forno; se é pequeno, simplemente frítao en toros ou filetes.

Datos da especie

  • Código FAO: POL
  • Nome científico:Pollachius pollachius
  • Nome galego: Abadexo
  • Nome castelán: Abadejo
  • Grupo biolóxico: Peixes
Abadexo
  • Tamaño mínimo: 30 cm
  • Forma de medición: O tamaño medirase desde a punta da cabeza ata o extremo da aleta caudal